«Gustaríanos moito volver máis a Galicia»

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O violinista ourensán actúa hoxe co Cuarteto Quiroga por primeira vez en Santiago, dirixidos por Daniel e xunto coa Real Filharmonía

13 feb 2020 . Actualizado a las 04:50 h.

Cibrán Sierra (Ourense, 1979) será un dos protagonistas do concerto que dará a Real Filharmonía esta tarde, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. Como violinista do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música no 2018, ten outras dúas citas previstas coa orquestra compostelá, mañá en Vigo e o sábado no Palacio da Ópera de Coruña.

-¿Como foi a experiencia de ensaiar coa Real Filharmonía?

-Foi unha experiencia extraordinaria, unha verdadeira gozada. É unha grande orquestra, con excelentes músicos, e traballar co mestre Paul Daniel é facilísimo. Tivemos unha conexión rápida e entendemento mutuo... é case como facer música de cámara a grande escala. Para un cuarteto como o noso, que leva o nove dun violinista galego como Manolo Quiroga polo mundo coa vontade de espallar a nosa memoria cultural, é toda unha ledicia. As dúas orquestras sinfónicas de Galicia son un tesouro que ten o país que, como tal, deberíamos coidar.

-O programa musical titúlase «Xogando con Beethoven», ¿a que idade empezou a xogar coas partituras do xeño alemán?

-Levo tocando toda a miña vida, coma quen di, pero a relación máis intima con Beethoven empeza co cuarteto de corda, porque é un dos autores máis simbólicos do xénero. É xenial agora facer esta aproximación dende a obra Absolute Jest de John Adams, que colle anaquiños dos últimos dos cuartetos de Beethoven, especialmente os scherzos -as partes ritmicamente máis animadas-, xunto cos das últimas sinfonías e mestúraos coa tradición sinfónica norteamericana, que bebe do minimalismo musical do cine e pop. É unha cocteleira absolutamente tola, como di o nome, e un reto apaixonante.

-No concerto de hoxe fará soar un violín do ano 1682, ¿que peculiaridades ten tocar un instrumento coma este?

-No cuarteto todos tocamos instrumentos antigos. Este é unha beleza, un violín construído por Amati, fundador da lutería moderna e mestre de Stradivarius. Ten a particularidade de que pertenceu a Arnold Rosé, concertino da Filharmónica de Viene e primeiro violín do Cuarteto Rosé. Agora está nas miñas mans, pero eu son un simple pasaxeiro na historia deste instrumento, que cando eu o deixe pasará por outros músicos.

-O cuarteto actuou nos escenarios más importantes, ¿cal non pisou que lle gustaría?

-Pois é a primeira vez que tocamos en Santiago, por exemplo. O certo é que nos gustará moito volver máis a Galicia, máis cando nos dedicamos a espallar a nosa memoria cultural. O curioso é que tocamos con moitísima facilidade fóra, en países coma Alemaña, Holanda ou Estados Unidos; e que ao mesmo tempo custe tanto retornar a Galicia. Por iso estes concertos coa Real Filharmonía son un feito especial e moi simbólico para nós.