Mercedes Rozas: «A simboloxía sobre Compostela foi moi relevante na revista "Nós"»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A conferenciante do Ateneo falou da parte artística da publicación polo seu centenario

11 feb 2020 . Actualizado a las 09:06 h.

«O centenario da revista Nós recupera a memoria de toda esa xeración que acabou desfeita polo inicio da Guerra Civil», di Mercedes Rozas. Ela foi unha das relatoras da dobre conferencia que tivo lugar onte no Ateneo de Santiago baixo o título Cen anos de Nós. Perspectiva etnográfica e artísticas. A primeira parte correu a conta de Xosé Carlos Sierra. O etnógrafo e museólogo centrouse «nun elemento importantísimo en todos os números da publicación», sinala a historiadora da arte, o que ten que ver co estudo de pobos e culturas. Ela, pola súa banda, falou dunha parte non menos relevante, a artística.

«Desde 1920, cando saíu o primeiro número de Nós en Ourense, ata 1936 traballaron na publicación toda unha serie de intelectuais, especialistas en etnografía, en lingüística, en arte, pensamento político... con colaboradores como Otero Pedrayo, Ánxel Fole ou Fermín Brouza Brey. Á mesma vez, desenvolveuse un deseño artístico, unha liña ou discurso estético dirixida por Castelao, como director artístico da revista. El era o que marcaba as pautas. O contido artístico da revista foi importante porque traballaron distintas xeracións, non só caricaturistas senón tamén pintores, que fixeron algunhas apartacións de interese. E, habendo varias xeracións implicadas, deron cabida tamén a distintas liñas estéticas», explica a historiadora especializada na crítica da arte e comisariado de exposicións.

Mercedes Rozas distingue tres liñas estéticas: «Estaba unha máis tradicional, na que queda moita herdanza do século anterior que vén de rematar, representada por Castelao ou Camilo Díaz Baliño; outra -a de Maside, Seoane ou Colmeiro- de renovadores da arte galega; e unha terceira avanzada artística vinculada ás vangardas de Europa, de Madrid ou da Cataluña do momento, na que había o Modernismo, da que formaban parte Fernández Mazas, Cebreiro e Luis Huici. Falamos dos anos 20, onde as comunicacións eran limitadas, e en cambio participaba xente moi documentada».

Do local ao universal

Destaca Rozas que había tamén puntos en común e «practicamente todos, tanto os artistas como os que escribían, traballaban na busca dunha identidade nacional. No caso da arte, partían do local, sen deixar de lado o rexional e os motivos galegos, para converxer na universalidade das vangardas que se estaban establecendo en Europa. Partían de motivos moi concretos: temas mariños, labregos ou incluso composteláns. De feito, a simboloxía relacionada con Compostela foi moi relevante na revista Nós: sae a cruz de Santiago ou o pórtico da Gloria, entre outros».

¿Que deberiamos aprender hoxe daquela histórica publicación? «Deberiamos de recuperar, e de feito estase recuperando agora polo centenario, con distintas exposicións e conferencias como a de hoxe [por onte] a memoria dunha xeración con moitas inquedanzas, que nun momento dado quixeron romper cunha tradición máis clasicista e chegaron a publicar todo tipo de artigos, incluso traducidos do alemán ou do inglés, de intelectuais moi importantes da época», contesta Rozas.

A revista Nós tamén perseguiu a normalización do uso da lingua e elevar o galego aos usos orais e á cultura; ao tempo que tratou o descubrimento da identidade galega dende o ámbito da arqueoloxía, etnografía, historia ou pensamento, explorando culturas europeas próximas.

Rozas sinala que como historiadora ás referencias a Nós son recorrentes e considera a publicación «fundamental para coñecer a pre-guerra». Di que o que máis lle sorprendeu a título persoal nun primeiro contacto coa publicación foi «que foran capaces, incluso tendo distintas formas de ver a arte naquel momento, de abrir a revista a unha confluencia de autores de distintas xeracións e nesa pluralidade de tamén de liñas estéticas».