Isabel M. Portela: «Sempre quixen escribir, pero non me atrevía ou estaba noutras cousas»

La Voz

SANTIAGO

Paco Rodríguez

A autora debuta na ficción con «O coleccionista de cartas de amor»

05 feb 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

Co seu relato Manual de mitoloxía da fertilidade moderna gañou no 2007 o concurso de Relato curto da Asociación de Antigos Alumnos da USC, pero a primeira publicación de ficción de Isabel Mancebo Portela (Negreira, 1969) chega agora, O coleccionista de cartas de amor (Edicións Fervenza). Un libro de relatos no que cada un trata unha historia diferente «pero os personaxes ou o espazo gardan algunha relación». E xa avisa que este traballo presentado onte en San Roque acompañada por Ánxela Gracián, Suso de Toro e Valentín García non será o último: «É o primeiro de moitos. Quero experimentar con diferentes xéneros».

Isabel M. Portela -que foi cotraductora de Cousas de Castelao ao inglés- viviu de pequena en Brasil e na mocidade no Reino Unido e agora xa leva anos asentada en Santiago. Precisamente, esta traxectoria vital da filóloga, tradutora e xornalista tamén ten o reflexo nos relatos, tanto en múltiples escenarios, como Londres, Río de Xaneiro ou Fuerteventura, como ao abordar temáticas como a emigración, que une a aspectos como o da individualidade e o peso da comunidade ou a arte. Todo iso atravesado por unha visión feminista e unha aldea galega, sempre presente.

«Vivín en Inglaterra, traballei na ONU de tradutora, e de xornalista; sempre quixen escribir, pero ou no me atrevía ou estaba metida noutras cousas», explica. Ata este libro de relatos, un xénero que elixiu porque «pensei que era máis fácil que a novela e a poesía, pero é moito máis difícil». A súa orixe hai que buscala hai uns anos, cando se propuxo cunha amiga publicar un libro de relatos. Finalmente, foi ela soa a que se puxo a escribir. Agora, convertéronse no seu debut no ámbito da ficción.