Grilo estrea «Dálle lume», rock para escoitar a alto volume

A banda compostelá creada no 2018 presenta esta noite o seu primeiro disco na sala Capitol


Santiago

21.00 horas • Sala Capitol • 10 euros (8 euros anticipada) • Santiago foi o punto onde se encontraron Adrián Gómez (O Barco), Alberte Fernández (Pontevedra) e Miguel Varela (Ourense) e no 2018, tras pasar por outras formacións, decidiron formar Grilo. O 9 de febreiro do 2019 subíronse por primeira vez ao escenario en Pontevedra xunto a Nao, todo un referente para eles. Agora, un ano despois, chega o seu primeiro disco, Dálle lume, que esta noite estrean na Capitol.

«O que quixemos foi xuntar as cancións que fomos compoñendo nestes dous anos. Xa tiñamos dous sinxelos antes de gravar o disco e agora queremos dar un salto adiante con Dálle lume», explica Alberte Fernández, encargado do baixo e os coros. As letras das cancións reflicten «o que nos afecta en cada momento, con situacións complicadas como as de actualidade, con problemas políticos grandes, con grande precariedade no traballo, ataques ao ensino público ou o ascenso da ultradereita». É nese marco, no que decidiron poñer música á derradeira carta de Alexandre Bóveda, que «foi un referente que loitou pola liberdade e pola democracia en Galicia e foi asasinado por iso polo franquismo. Por esta razón hai que divulgar a súa mensaxe», detalla o músico.

Por que Dálle lume como título desta carta de presentación? «Buscabamos algo directo, que fora fiel á música que facemos, pensada para ser escoitada a alto volume e, nese sentido, cremos que Dálle lume reflectía iso. Ademais, queriamos que fora como dar un golpe na mesa é dicir algo potente e directo», responde o baixista desta «banda de rock potente, duro e un pouco á vella escola».

Esta noite, Grilo tocará por primeira vez na Capitol, o que supón «un paso adiante para nós» e presentarán, ademais das cancións do disco, outras novas que non incluíron. A encargada de alzar o pano antes de que a banda de rock se suba ao escenario será Pauliña cunha actuación en acústico.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Grilo estrea «Dálle lume», rock para escoitar a alto volume