Tanxugueiras: «Volvemos ao que mamamos, somos percusión e voz»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Montse García

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentan «Contrapunto» o día 2 na Capitol

29 ene 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

Domingo 2 de febreiro • 19.30 horas • Sala Capitol • 10 euros • Empezaron a ensaiar nun coche e cando recibiron o primeiro contrato para dar un concerto na Coruña puxéronse a facer o repertorio e só tiñan unha canción. «Quedábanos un mes para facer unha hora de actuación», explica Sabela Maneiro, que xunto á súa irmá Olaia e Aida Tarrío dan vida a Tanxugueiras. Catro anos despois deses primeiros pasos xuntas xa atesouran varios galardóns no seu currículo, como os Premios MIN -aos que volven optar e está aberta a votación- Martín Códax e aRi[t]mar, ademais de marcar algún fito. «Fomos as primeiras mulleres que lideramos un palco de homes en Rajastán», incide Olaia Maneiro. Agora acaban de sacar o seu segundo disco, Contrapunto, no que volven a enarborar a bandeira da música tradicional galega. Presentarano este domingo na sala Capitol, despois de levalo con anterioridade por Mos, Burela e Celanova.

Contrapunto recolle as experiencias do último ano das tres compoñentes do grupo, que tamén son as produtoras. Dez pezas nas que amosan a parte boa e mala da vida. «Queriamos que tiveran a cara e a cruz, o amor e o desamor, a ditadura e a liberdade...», di Sabela. Un traballo que responde ás súas inquietudes actuais. «Vas crecendo, vas evolucionando. O primeiro disco quedábanos xa atrasado para a nosa forma de pensar e escoitar. Este novo represéntanos agora ao 100 %», engade Aida Tarrío. Un traballo que querían que tivera «un sentido» e no que abordan cuestións como o machismo ou a represión franquista, entre outros temas. Así, por exemplo, a súa viaxe á India serviulles para reafirmarse máis na loita polo empoderamento da muller. «Alí coñecemos xente que está traballando polo feminismo, e se xa eramos feministas agora quixemos deixar a nosa pegada reivindicativa neste disco», detalla Sabela.

Para as súas cancións, as compoñentes deste trío buscaron nas letras tradicionais para atopar as coplas que mellor se lle axeitaban aos temas que querían tratar. E todo iso, con voces e percusión como ferramentas e xa sen a banda que as acompañou no seu disco debut, Tanxugueiras. «É volver ás raíces, sempre evolucionando, pero intentando volver ás raíces, quen somos e onde mamamos a música tradicional, somos percusión e voz», incide Olaia.

Que lle agarda ao público no concerto que ofrecerán este domingo na sala Capitol? «Queremos que sigan falando del ao saír. O disco é escuro, e o directo, tamén», afirma Aida Tarrío, que explica que as cancións «máis intensas» van ao principio da actuación e rematarán a proposta con reggae. «Gústanos que a xente participe, non é un concerto para lucirse, senón para todos», engade Olaia.

Un traballo co que viaxarán a Bélxica e Reino Unido

 

 

Olaia e Sabela Maneiro (Teo) e Aida Tarrío (Ribeira) fan bandeira da música tradicional galega e a iso responden, por exemplo, os obradoiros que ofrecen en centros educativos. «É dicirlle a onde podes chegar, hai moitos festivais deste tipo de música e tes todo o mundo para ti», sinala Sabela. Nese senso, a súa irmá Olaia destacou que «nós con esta pandeireta chegamos á India», mentres que grupos doutros estilos musicais non conseguen saír. De feito, ademais de pisar escenarios galegos con Contrapunto -estarán en Pontevedra, Oleiros, Vilalba, Monterroso e Cangas-, tamén teñen cerradas actuacións en Bélxica e o Reino Unido. Porque en Tanxugueiras «non nos poñemos barreiras».

Tamén son diversos os seus referentes musicais, onde Mercedes Peón, Xabier Díaz e Guadi Galego convive con Rosalía, conectando con ela nese obxectivo de darlle unha volta á música tradicional.