Xacobe Martínez: «Pensei que a música de jazz era un guante que podía facer á miña medida»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Dado-Dadá xuntouno con Manuel Gutiérrez e Lar Legido, trío que vai cumprir 20 anos

27 ene 2020 . Actualizado a las 12:48 h.

Licenciouse en Ciencias Políticas na USC, pero atrapouno a música e quedou. Xacobe Martínez Antelo (Santiago, 1976), que se declara «absolutamente» feliz, é o contrabaixo do trío de jazz Sumrrá, grupo que naceu no mítico pub Dadó-Dadá xunto a Manuel Gutiérrez (piano) e Lar Legido (batería) hai case vinte anos. «Naquelas jam sessions descubrimos que tiñamos unha química especial entre os tres, así que nos xuntamos para facer un disco e levamos seis, e o sétimo en carteira para este ano. Vinte anos é unha pasada de tempo tocando xuntos», segundo explica Xacobe.

A partir daquela «abríronse todas as portas internacionais» e a formación empezou a xirar por Centroamérica, Marrocos e Sudáfrica, Francia e Bulgaria, e Corea do Sur e China. Neste último país fixeron a súa segunda visita en novembro cunha «pequena» axuda da Embaixada española: «Foi espectacular. Tocamos nos Blue Note, que son clubes grandes e moi caros, e en dous festivais. Actuamos en Pekín, Shanghai, Chengdu e Cantón». E no mes do entroido regresan ás Crechas, onde actúan os domingos desde hai seis temporadas, «algo insólito» que os mantén en boa forma.

Xacobe empezara de neno co baixo eléctrico, pero axiña mudou ao contrabaixo, mercándolle o primeiro ao seu profesor checo do Conservatorio Histórico: «É un instrumento que esixe moito, a nivel físico, intelectual e emocional, pero devolve máis». Non tivo formación regrada completa, pero andou polos conservatorios de Santiago e Vigo, logo de empezar en Estudio Escola de Música, na rúa de Neira de Mosquera, e posteriormente no pontevedrés Seminario Permanente de Jazz. «Sempre pensei do jazz que era un guante que eu podía facer á miña medida. Ademais herdei de meu irmán maior ?Luis? a súa magnífica colección de vinilos, onde estaban Miles Davis, Duke Ellington, Charlie Parker, pero tamén Frank Zappa, The Doors, Jimi Hendrix… Esas foron as miñas fontes», indica o músico compostelán, que por outra parte lamenta que en Galicia non haxa «ningunha axuda» á produción musical, así como teñen outras manifestacións artísticas. Pero séntese especialmente orgulloso de ter sido un dos seis que crearon en 2009 a Asociación Profesional de Músicos de Galicia Músicas ao Vivo.

Entre as principais conquistas están as primeiras e recentes cooperativas galegas de músicos: «Foi un paso de xigante, algo impensable hai tempo. Temos unha estrutura que ampara toda a nosa relación comercial ou contractual e os trámites administrativos. E somos as lexítimas interlocutoras da Administración». Os premios galegos da música Martín Codax, que xa van pola sétima edición e se outorgan nun acto no Pazo da Cultura de Pontevedra, constitúen outro dos fitos da entidade.

Por necesidades profesionais e familiares Xacobe vive en Ames. A súa muller é a actriz da compañía dramática Chévere Patricia de Lorenzo, e teñen dous fillos -Teo e Braulio-. «Con Santiago teño sempre unha relación de amor-odio, porque aquí crecín en todos os sentidos e fun consciente de todas as súa posibilidades: a cultura, a xente da música, da televisión, da universidade… A flor e nata da cultura galega sempre pasou por aquí. Pero inexplicablemente nos falta fe, seguridade, creatividade, imaxinación para desenvolver unha cidade sen complexos e aberta ao mundo», segundo advirte o santiagués, que apostaría por unha urbe que sexa referente europeo do pensamento e a creación artística. «Compostela non ten ningún límite. Falta encarnar o que xa está no imaxinario universal», conclúe.