Cándido Pazó: «Querería estar no Salón Teatro e no Principal, teño o corazón dividido»

Dúas obras que dirixe, «Vida de cans» e «Electo», represéntanse hoxe á mesma hora a 50 metros de distancia


O teatro ten nome propio estes días: Cándido Pazó. El é o director tanto de O electo, que hoxe celebra a súa segunda función no Principal, como de Vida de cans, que dende onte ata o domingo se representa no Salón Teatro. Ambas empezan ás 20.30 horas.

-Dúas obras baixo a súa dirección separadas por 50 metros.

-E máis, o luns e o martes entra outra con Tanxarina e A galiña azul, adaptada e dirixida por min. É para escolares. Son casualidades que pasan.

-Algunha vez lle acontecera?

-Algunha vez ten pasado, pero non tanto na mesma rúa, senón nun mesmo festival, nunha mesma programación ou nunha feira. Sempre teño certo complexo de que non traballo moito, e a xente sempre me di que non é así; pois debe ser certo que non é así e que traballo máis do que eu penso (ri).

-Está o corazón dividido?

-Si o está. No caso de Vida de cans é un texto escrito por min para Talía Teatro, ademais é a volta despois de catro meses de baixa de Toño Casais, e quería estar nunha das funcións, pero O electo é unha adaptación miña e está producida pola miña compañía, por iso teño a obriga de estar Principal. Claro que querería estar nos dous sitios, así que teño corazón e a cabeza divididos, pero non me vai quedar máis remedio que estar con O electo. O que farei será ir a unha das funcións escolares de Vida de cans.

-Que destaca de cada unha?

-Vida de cans é unha comedia sobre certos aspectos da existencia humana relacionados coa liberdade tomando como punto de vista a vida de tres cans que están nunha finca, que están moi ben tratados, pero o que queren é saír. É moi divertida e a xente conecta moito porque todo o mundo ten mascotas. Está toda feita en base ás observacións que fixen sobre os meus cans. No caso de O electo, é de moita actualidade porque vai das vicisitudes dun recén elixido presidente da Xunta que o día que ten que dar o seu discurso de investidura ten un tic nervioso e ten que chamar polo psiquiatra. É unha comedia na que podemos prometer e prometemos -xa que vai de temática política- que a xente vai rir de principio a fin.

-É o debut sobre as táboas de Antonio Mourelos, unha cara moi coñecida na pantalla.

-Leva toda a vida dobrando e en televisión e era a primeira vez que se subía ás táboas, pero xa está moi solto. Eu estou moi contento do rendemento que está tendo, do ben que o pasa porque cando un actor o pasa ben, sempre fai que o público o pase ben. Ademais, está encantado de estar no Principal porque Santiago é unha praza importantísima para o teatro galego. Sempre dicimos que todos os lugares e espectadores son iguais e iso é certo, pero tamén é certo que estar en Santiago, A Coruña ou Vigo, como no fútbol, é xogar nos grandes estadios.

-Esta noite, entón, xoga en dous grandes estadios.

-Si, sería como estar no Metropolitano e no Bernabéu (ri). O que pasa é que aquí está un fronte ao outro. Pero a xente que queira ir as dúas, ten días para escoller. Iso é bo. Santiago ten algo que para a programación teatral é importante, que se programa un espectáculo varios días. Entón, a xente escolle a xornada na que vai. Santiago é unha cidade bandeira, unha bandeira que estaría ben que se levantase noutras cidades semellantes.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cándido Pazó: «Querería estar no Salón Teatro e no Principal, teño o corazón dividido»