Cristina Sánchez-Carretero: «Cómpren modelos para xestionar os patrimonios que se ven incómodos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Reclama que «teñan en conta a disciplina nas convocatorias de empregos» en Galicia

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai definicións da antropoloxía como o estudo da diversidade humana, entendida como as normas non escritas do comportamento; para min é tamén o estudo do sentido común, do que non se cuestiona, do que fai que as persoas sexan como son», afirma Cristina Sánchez-Carretero. Participou o día 16 no ciclo «Pasados incómodos», do Grupo Histagra da USC, e promove, para abril, o III Congreso de antropoloxía de/desde/en/para Galiza.

-Que son pasados incómodos?

-Moitos temas de memoria histórica, por exemplo. A miña investigación é sobre patrimonio e conflito vencellado á vida diaria, teño especial interese nos patrimonios emerxentes e nesa parte de patrimonios incómodos, disonantes, en estudar o que se fai con aquilo ao que se lle dá un valor e non se sabe moi ben como o tratar.

-E que se fai?

-En Galicia, e en xeral en España, cómpren modelos para xestionar os patrimonios que se ven incómodos, por exemplo os espazos represivos; noutros lugares teñen modelos moi claros. Concordo con Adolfo Estalella en que faltan mecanismos para airear os disensos, en vez de tentar chegar sempre a consensos, pois moitas veces o consenso é unha ferramenta ideolóxica para neutralizar os disensos.

-Será este un tema do próximo congreso galego de antropoloxía?

-O lema do congreso é A xeración Nós e a nova antropoloxía galega. Herdamos o traballo desa xeración e queremos construír un futuro máis robusto e con colaboración con outras disciplinas, que convidamos para participar.

-Cal é a situación da antropoloxía en Galicia?

-Está nunha situación de debilidade e vulnerabilidade. Só hai 12 profesionais con estabilidade en 7 institucións públicas. Estamos a preparar un relatorio para que se recoñeza o título de antropoloxía e teñan en conta a disciplina nas convocatorias de empregos.

-Que empregos?

-A antropoloxía non só estuda as lendas e a ruralidade, aínda que tamén; a nosa disciplina contribuíu para avances en moitos ámbitos do coñecemento, desde o uso das fotocopiadoras á análise da conduta das persoas cando se comezou a coñecer a síndrome da sida. Hai investigacións galegas sobre o prezo xusto dos produtos das explotacións gandeiras, o encaixe de Camariñas ou a paisaxe. A antropoloxía ten moito que achegar para o traballo da ordenación urbana, o cambio climático, cuestións culturais de mediación e facilitación en procesos que teñan que ver coa diversidade ou coa igualdade; a nosa disciplina pode ofrecer unha ollada crítica nos procesos sociais para abrir campos innovadores, que permitan avanzar.

-Como valora o estudo que fixo do atentado do 11M en Madrid?

-Fixen ese estudo antes de vir para Santiago, foi un gran proxecto que naceu case como unha etnografía de emerxencia, relacionado coa magnitude da resposta cidadá, con como se patrimonializaba e se creaba un novo ritual, que agora é esperado e reproducido: cando hai unha morte que se considera inxusta, ou en casos como o de Angrois, hai unha serie de mecanismos de toma dos espazos públicos para o dó, e iso non acontecía aquí hai 3 ou 4 décadas, pois había outras formas de marcar as mortes tráxicas ou que se consideraban especialmente traumáticas.

-Tamén estudou o Camiño de Santiago...

-Foi o meu primeiro proxecto aquí, con outra xente, para entender a creación do patrimonio como proceso social.

-Naceu en Toledo e traballou en Madrid, pensa que lle valeu a pena vir para Santiago?

-Si, eu non me vou! Vin cando convocaron unha praza de científica titular do CSIC para o proxecto que coordina aquí Felipe Criado, e dei cun moi bo ambiente de traballo e para a familia.