Manuel Portas: «O rico patrimonio que herdamos é de todo o ensino medio da cidade»

Nos 25 últimos anos o instituto adquiriu maior conciencia do seu valor e importancia histórica, afirma o director do Xelmírez I


santiago / la voz

Máis de 80 docentes e por volta de 900 estudantes de ESO, bacharelato, FP, nocturno ou adultos forman a comunidade do IES Xelmírez I, que conmemora o 175 aniversario. O seu director, Manuel Portas, afirma que esa diversidade «supón moito traballo, enriquece e remarca a nosa conciencia de servizo público. Nós pedimos por exemplo ter FP Básica para dar maiores alternativas e atender realidades diferentes do alumnado», manifesta.

-Ten vantaxes ser un centro de ensino histórico?

-Conservar un patrimonio documental e de materiais didácticos supón un esforzo adicional. Sentimos a responsabilidade de coidar, pór en valor e integrar na vida do centro ese legado.

-E están satisfeitos?

-Fixemos convenios co Consorcio, que permitiron obras e melloras para que todo se conserve dignamente. Aínda temos moito que facer, porque hai elementos de gran valor histórico que merecen ser trasladados para o futuro.

-Repercute ese patrimonio na actividade do centro?

-Ese traballo supón unha importante dedicación de parte do profesorado na biblioteca histórica e no museo. Aínda que sexa un esforzo pracenteiro.

-E é consciente o alumnado desa dimensión histórica?

-Si. Procuramos que se coñeza. Cando ven expedientes de antigo alumnado célebre, como Castelao, levan sorpresas e iso contribúe tamén para a súa formación.

-O programa do 175 aniversario é moi ambicioso. Cal é o obxectivo?

-Pór en valor o rico patrimonio que herdamos, que non vemos exclusivo, é de todo o ensino medio da cidade. Contamos compartir neste aniversario moitas actividades con outros centros.

-Cando celebraron o 150 aniversario tamén era o director, como mudou o centro neste tempo?

-As dúas celebracións foron en etapas diferentes na dirección. Mudou todo, e penso que melloraron as instalacións, o material didáctico, aplicamos criterios como as aulas-materia, personalización de espazos, maior participación do alumnado e mellor conservación do legado histórico, adquirimos conciencia do seu valor e importancia. Todos os centros de ensino son especiais. Aquí estou moi agradecido ao profesorado que apoia estas iniciativas.

-Como é a relación coa ANPA?

-Está ben integrada. Xestionan as taquillas, participan activamente no programa do 175 aniversario, promove o xadrez, actividades deportivas e outras.

-Non fixo reivindicacións...

-Hai temas pendentes no pavillón, na electrificación, un espazo cuberto para os días de chuvia e outras, que abordaremos. Co tempo o noso centro gañou importancia histórica, e perdeu digamos glamour; a nosa sede actual non ten que ver coas anteriores de San Xerome, Mazarelos ou San Caetano, en edificios de gran atractivo e valor histórico.

-Que debe facer coa Lomce o novo Goberno do Estado?

-O que debe facer, por responsabilidade política, é dar estabilidade e tranquilidade ao sistema educativo. Todo se soluciona dialogando, para levar adiante todos os avances que maioritariamente podan ser comúns. A inestabilidade lexislativa non é boa para os centros de ensino.

-Despois de catro décadas de autonomía, ve necesaria unha lei educativa galega?

-Sería interesantísimo ter unha lei educativa galega para abordar a idiosincrasia propia, iso non é contrario a que haxa principios básicos compartidos co Estado e mesmo con Europa. Temos peculiaridades como a dispersión da poboación, a lingua, e outras, que xustifican ter un marco propio.

«Queremos xuntar centros de varios países e dialogar sobre problemas que son comúns»

Manuel Portas di non ter saudades da vida política: «Foi unha etapa interesante, de facer moitas cousas, e terminada no referente a actuar nunha organización política: hoxe nin estou, nin se me espera», afirma.

-Como foron as relacións cos diversos gobernos locais?

-Como director do instituto foi magnífica con todos.

-Participan na iniciativa «21 días co galego», que supón iso?

-Sempre traballamos para que o alumnado adquira conciencia dun país como o noso, que ten un idioma propio no que vivir permanentemente; e esa iniciativa é unha evidencia máis.

-Como valora os proxectos europeos que realizan, sobre o acoso escolar e o Camiño de Santiago?

-Finalizan os dous este curso no noso instituto e, como os propuxemos, organizamos e coordinamos as súas actividades, queremos aproveitar o programa europeo Erasmus para xuntar centros de varios países e dialogar sobre problemas que son comúns. Consideramos que a internacionalización é cada vez máis importante na educación; e nesa liña son tamén os intercambios que facemos con outros países de linguas diferentes hai moitos anos.

-Como ve a literatura galega, na que tanto se ten implicado?

-Necesita un maior mimo e coidado, por parte das institucións e de toda a sociedade. A Literatura traballa coa lingua, que é a principal ferramenta que nos define; e hai que atender tamén outras manifestacións artísticas e culturais, para que a sociedade valore con orgullo ese sermos diferentes, que é o mesmo que sermos iguais a todos os pobos.

-Que opina do pin parental?

-Unha aberración. O ensino forma cidadáns sobre os dereitos, a igualdade, o respecto a todas as persoas ou a non discriminación. Niso non pode haber unha escolla á carta por parte das familias.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
4 votos
Comentarios

Manuel Portas: «O rico patrimonio que herdamos é de todo o ensino medio da cidade»