Vinte e cinco anos do galego ao son das guitarras eléctricas

SANTIAGO

asestelo

Banda Xangai e Rastreros celebran esta noite en Santiago o aniversario do nacemento do bravú

18 ene 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

21.00 horas • Sala Malatesta • 12 euros na billetería (10 euros anticipada) • «É unha celebración». Así define o músico Xurxo Souto o concerto desta noite na sala Malatesta da Banda Xangai e Rastreros. Trátase de conmemorar o 25 aniversario dun «pequeno fito para a historia da música galega: como o galego empezou a soar ao son das guitarras eléctricas», isto é, do nacemento do bravú.

«Hai 25 anos un grupo de rapaces xuntámonos en Chantada e decidimos poñerlle un nome á nosa música; a cousa foi fermosísima», explica Souto, un dos protagonistas daquel encontro. E que queda dese espírito? «O bravú rachou un tópico, daquela dicíasenos que o galego non valía para o rock and roll. Agora é absolutamente normal que haxa grupos que fagan rock. Entón, nese sentido, queda todo. Fora moi bonito porque é crear a cultura desde abaixo. Xuntámonos tres-catro grupos nunha época na que non había Internet e nunha aldea de Chantada e iso tivo unha repercusión; despois había grupos bravú e antibravús», engade

Precisamente, Rastreros, que hoxe participará no concerto, «foi o grupo que nos convocou en Chantada hai 25 anos naquel magosto alternativo e dixo que tiñamos que inventar un nome propio para a nosa música». Xurxo Souto asegurou que, 25 anos despois, na banda seguen «moi vivos. Atópanse nun momento de plenitude absoluta. Están os pais fundadores e unha nova xeración».

A Banda Xangai -nome que toma do tren que ía de Galicia a Barcelona-, é o resultado desa rede de amizades que se foi tecendo á raíz daquel encontro en Chantada. «O núcleo de amizades está absolutamente vivo e a maior parte de nós estamos vencellados á música», explica Souto, compoñente da formación xunto a nomes como Pulpiño Viascón, Xan Xove, Antón Díaz, Nacho López, García, Sofía Tarela, Martiño Mato e Oliver Cano. Precisamente, no concerto desta noite presentarán a canción Dous quereres, «no que se xunta a rumba catalá co esplendor dos metais galegos», incidindo, explica Souto, nesa relación estreita que mantiveron Galicia e Barcelona.

A proposta desta note complétase coa proxección do documental 20 anos de bravío, dirixido por Anna Diz.