Marcelo Dobode: «Levo á vangarda a música de raíz para que a xente nova se dea conta de que ten moito que ofrecer»

O músico, cunha traxectoria de máis de dúas décadas, presenta mañá en Sónar o seu primeiro proxecto en solitario, «Turoqua»


Santiago

Mañá sábado • 22.00 horas • Sala Sónar • Desde 9 euros • Desde moi pequeno, Marcelo Dobode participaba nas recollidas da música tradicional. A finais do ano pasado dou un paso máis con Turoqua, o seu álbum debut en solitario que presenta mañá na compostelá sala Sónar. Será o segundo concerto despois da estrea en Pontevedra en novembro. Farao acompañado por Adrián Saavedra (teclados), Félix Rodríguez (percusión), Mon Orencio (guitarras) e Xacobo Prieto (baixo).

—Como valora a acollida de «Turoqua»?

—Estamos moi contentos porque en pouco tempo está alcanzando moita sona, tanto en Galicia como fóra, caso de Alemaña. O que máis me agrada deste traballo, que o facía un pouco para a xente nova, é que me escriben e me din que están encantados con esta nova música tradicional —porque é un novo concepto da música tradicional— e que lle quitei un pouco o rancio á música galega. Iso era o que quería e esa xente deuse conta cara a onde vai esta nova andaina. Levo 26 anos sendo músico tradicional a tope e agora quitei unha pel e estou poñendo outra. É un disco que deu moito traballo porque son moitos anos para levalo a porto porque non é fácil fusionar ben.

—Entóns, que foi o que o levou a mudar a pel?

—Cando es músico e viaxas, e estás polo mundo compartindo músicas con outros intérpretes do ámbito tradicional, dáste conta que a música popular sempre ten unha parte moi actual. A música galega tradicional ou de raíz, como queiramos chamarlle, aquí en Galicia non está morta, está claro que chegou aos nosos tempos, como o amosan as pandeireteiras. Vendo que a nosa música popular está viva intentei levar ao punto da vangarda actual da música. Non hai etiquetas e está levado á vangarda para que a xente nova se dea conta de que a nosa música ten moito que ofrecer e, sobre todo, que podemos mirar na casa e non temos que mirar tanto fóra.

—Fala de que non hai etiquetas para esta música. É esa a intención nas once cancións?

—A xente que me pregunta polas etiquetas, «pop»? Pois si, porque é popular. A xente está moi equivocado co termo pop. Eu o que quero coa miña música en realidade é chegarlle á toda xente, tanto nenos, maiores como medianos, e que esa música lles faga esquecerse dos problemas persoais que teñan e que saia un sorriso, e que poidan, como sucedía coa nosa música tradicional, mover os ósos.

—E todo iso cunha banda que non incorpora a gaita como instrumento.

—Non. De momento, estamos nese punto de que soe totalmente distinto porque no momento no que metes unha gaita tira un pouco máis a unhas cousas. Como eu realmente son pandeireteiro, o que máis me importaba é que iso non se escapara nunca. Miñas tías e miñas avoas foron pandeireteiras, meu avó era gaiteiro..., eu son a evolución de todos os meus ancestros.

—Incluso Kiko Veneno colabora nunha das cancións, «Bailalo». Como xurdiu?

—Foi un namoramento mutuo. Tivemos os dous unha actuación con Baiuca nos Xoves de Códax este ano e foi máxico. Creo que os músicos que tocamos a terra, ao final, entendémonos ben. Foi algo máxico e, tan pronto lle comentei que tiña un tema que tiña un punto flamenco, díxome: «Eu quero cantar». E como dicirlle que non a Kiko Veneno! Entonces, aí está no disco e para min é unha honra que un musicazo da súa altura comparta un pedazo de músico. Imos seguir facendo cousas xuntos.

—Que supón para vostede o concerto deste sábado, porque é o primeiro, por así dicilo, fóra da casa.

—Estar en Compostela é para min moi importante porque é como presentalo na miña segunda casa porque eu estou moito. Ademais, hai un berce do folclore importante. Entón, convido a toda a xente do folclore, de todas as agrupacións, que veñan a ver este traballo porque van a bailar moitísimo, porque podes bailar xota, muiñeira, todos os ritmos nosos..., e notando algo distinto, que é o que pretendemos. Temos preparado un concerto moi bonito con algunhas sorpresas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Marcelo Dobode: «Levo á vangarda a música de raíz para que a xente nova se dea conta de que ten moito que ofrecer»