San Domingos de Bonaval acolle unha ofrenda floral a Castelao no 70 aniversario do seu pasamento

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A igrexa acolle os restos do intelectual galeguista desde 1984

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A igrexa de San Domingos de Bonaval, lugar onde reposan os restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, acolleu na tarde de onte unha ofrenda floral organizada pola Fundación Castelao con motivo do 70 aniversario do pasamento do escritor e intelectual galeguista. O secretario da entidade, Miguel Anxo Seixas Seoane, foi o encargado de lembrar a figura de Castelao nunha intervención na que reivindicou a importancia dun intelectual que encadrou entre os «homes que construíron Galicia, eses homes aos que Galicia lles debe tanto», destacou Seixas, que resaltou do escritor que é probablemente «a figura simbólica da que somos máis prestameiros e máis debedores».

O secretario da fundación que leva o nome do intelectual recordou tamén os numerosos actos que se celebraron onte en lembranza de Castelao. O de San Domingos de Bonaval reuniu a varias personalidades de distintos sectores políticos e sociais, entre eles o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Belén Bermejo e Isabel Rey interpretaron pezas de Marcial Valladares para voz e guitarra.