Luis Emilio Batallán: «Intérpretes hai moitos, boas cancións, non»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

CARMELA QUEIJEIRO

O cantante ofreció ayer un concierto en la sala Capitol

22 dic 2019 . Actualizado a las 21:54 h.

Dous anos despois do último concerto na súa cidade natal, Luis Emilio Batallán regresa presentando novos temas. Un punto de partida, explica, para unha nova etapa. «A idea é tamén saír fóra, a América, a buscar outros públicos», di.

—Desde o 2017 non volveu a ofrecer un concerto en Santiago...

—O último foi no Teatro Colón (A Coruña). O meu último traballo foi coa colaboración de Sabina e de Serrat, e vou cantar cancións dese disco e doutros, como Ballet da nena, Aí vén o maio, Había que chegar..., pero tamén cancións novas. Apetecíame a Capitol porque ten bo son e, ademais, Santiago é a miña cidade, onde nacín, e teño un cariño especial por tocar.

—Entón, vai ser moi diferente ao de hai dous anos co disco no que se mergullaba noutros xéneros, como o reguetón.

—Si. Teño cancións novas, algunhas de Rosalía de Castro, que agora é a nosa estrela, e tamén sorpresas. Conto co guitarrista Guillermo Vistoso, que é estupendo, e teño unha canción co coro do colexio San Jorge, un coro de rapaces que canta estupendamente. O obxectivo é que a xente coñeza o que fago ultimamente, pero tamén as cancións de sempre, repasarei o meu repertorio. Son un músico que estou buscando cousas distintas continuamente, a arte consiste niso, en reinvertarse un como artista e ter o contacto do público.

—Como é, entón, o Luis Emilio Batallán das novas cancións?

—Eu que quero é que a xente o vexa en directo, son os seguidores os que teñen que dicir. Eu estou contento e gústame o que estou compoñendo, pero, os que facemos música, facémola para a xente. Hai as cancións novas, pero tamén versións doutras que fago completamente distintas. Sabina e Serrat sempre se sorprenden de que nunca canto a mesma canción de xeito igual. Son como un cantante de jazz, improviso moito. Entón, aínda que cante a mesma canción xa a fago con xiros distintos. Sempre busco cousas novas. O máis importante é ter boas cancións, porque as boas cancións non pasan nunca de moda. O reguetón é cousa da moda, que pasa dun ano para o outro, pero as boas cancións pasan os anos e ségueno sendo. Iso é do que se trata porque intérpretes hai moitos, pero boas cancións, non. Iso é o que trato de facer, boas cancións que sexan boas hoxe e dentro de vinte anos, como sucede con Aí vén o maio, Quen puidera namorala...

—Esas levan xa máis de 40...

—Por esas cancións non pasan os anos, fanse versións. A idea é tamén saír fóra, a América, buscar outros públicos... A música boa supera aos idiomas. Realmente, é o comezo dunha nova etapa, a ver como responde a xente. Eu estou moi contento.

—Falaba de «Quen puidera namorala» e «Aí vén o maio». Que sexan referentes despois de tantos anos, foi nalgún momento un peso para vostede á hora de crear?

—Cando un disco ten tanto éxito como Aí vén o maio, aínda que fagas cancións novas, a xente sempre che vai pedir as que son as famosas. Aí vén o maio ten boas cancións e é un bo disco, pero creo que a miña traxectoria non se limita a iso. Despois del saquei Ballet da nena, que me gusta tanto ou máis, e pasou desapercibido. É a xente a que decide a carreira do artista. Ao final, a música é comunicar, e dicir, non serve de moito que a ti che guste o que fas na casa e despois pase inadvertido para o público.

—Que busca vostede nun poema para despois musicalo?

—Por exemplo, o que lle dedico a Rosalía, Amén a iso, é un tema góspel, que sempre foi unha influencia que me interesou moito. En Galicia temos grandes poetas, Rosalía, Celso Emilio, Curros Enríquez... Temos unha calidade poética enorme. Despois, para convertelos en canción ten que ter unha musicalidade propia o poema. Hai grandes poetas cos que non se pode facer unha canción. Por exemplo, se fora inglés, estou seguro que lle dedicaría un disco ao galés Dylan Thomas, que ten unha musicalidade intrínseca. Pero, claro, cantar a Thomas en galego ou en castelán é moi difícil, tes que facelo en inglés