A Deputación espalla a cultura por toda a provincia grazas á súa Rede

S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

SANTIAGO

Cun orzamento de dez millóns de euros, contrata persoal especializado para os concellos e axuda a colectivos

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

10.129.150 €

Orzamento 2020

A Área de Cultura da Deputación da Coruña destina 1,7 millóns a axudas aos concellos para actividades culturais. O Consorcio da Música recibe 1,5 millóns, e para as bolsas de estudo en investigación, artísticas, danza, teatro ou música, entre outros, a Deputación destina preto de 400.000 euros.

2.590.550 €

Rede Cultural

Grazas a este amplo programa, a Deputación chega a todos os recunchos da provincia cunha densa oferta cultural, que acolle 1.200 actuación de todos os xéneros.

Cultura, territorio e cooperación son os tres piares sobres os que se basea a política desta área

Se as deputacións desapareceran, na provincia da Coruña resentiríase a oferta cultural dos habitantes de todos os concellos. Sen o ente provincial, centos de eventos (concretamente 1.200) non se poderían celebrar, para mágoa do público e dos artistas. Porque niso consiste precisamente a Rede Cultural, unha oferta que inviste case 2,6 millóns de euros para achegar festivais de cinema, música e artes escénicas a todos os recunchos da provincia. No ano 2020 está previsto que a Rede Cultural desenvolva, con esta mesma filosofía, catro programas: Escena ao Vivo, Visións, Alicerce e Lingua e Escena!

Se as deputacións non existisen, moitos festivais consagrados en Galicia quedarían sen a achega da Deputación da Coruña, que reparte 550.000 euros entre Curtocircuíto, Cineuropa, Cinema Crianza, Carballo Interplay, Chanfaina Lab, Galicreques ou o Festival de Ortigueira.

Aínda que a Rede Cultural é un dos piares máis importantes desta área provincial, que actualmente dirixe Xurxo Couto, a acción cultural da Deputación abrangue moitas frontes para alcanzar, máis que uns obxectivos, a súa política neste eido, que parte de tres elementos: cultura, cooperación e territorio. «A partir deles procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial», explica o deputado Couto. «Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social, e apostamos por traballas para conseguila, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade», engade o político, quen destaca o traballo man a man con todos os concellos.

Por iso, ademais de espallar todo tipo de oferta a través de Rede Cultural, a Deputación tamén subvenciona a contratación do persoal técnico das áreas municipais, tanto de xestión cultural como de animación sociocultural.

Dende o ente provincial tamén apoian o desenvolvemento das actividades e dos investimentos culturais de colectivos e asociacións e das ANPA.

Bandas, corais...

Tamén comezaron a funcionar liñas específicas de apoio ás fundacións; ás bandas de músicas populares, entidades de música coral e colectivos de música e baile tradicional; ás entidades «representativas» dos diferentes sectores da cultura galega; e aos festivais organizados por entidades sen ánimo de lucro. Esta e todas as axudas públicas fanse cunha baremación obxectiva, eliminando o «interese provincial» e creando comisións de valoración con representantes dos propios sectores. «Nas liñas, o 70 % da valoración é obxectiva e o 30 % restante recae en persoas expertas de cada campo cultural», sinala un dos técnicos da Área de Cultura da Deputación, que lembra que as antigas subvencións nominativas foron substituídas por liñas específicas de concorrencia competitiva.

No ano 2017, sendo Goretti Sanmartín a responsable de Cultura (ao tempo que vicepresidenta da institución), creouse, conxuntamente coa Área de Igualdade, o concurso de proxectos Luísa Villalta de Cultura para a Igualdade, co que apoia o desenvolvemento de dez iniciativas artísticas que pretenden incidir no campo da igualdade de xénero.

Dende o 2018 hai dúas novas liñas de subvencións: unha específica para a distribución de contidos audiovisuais en lingua galega e outra de apoio ao desenvolvemento de proxectos singulares de especial interese cultural.

Á hora de adxudicar axudas, o 70 % son valoracións obxectivas

O Torrente Ballester converteuse nun dos premios literarios máis desexados entre os escritores

O Premio Torrente Ballester de Narrativa ten un halo de consagración para quen consegue facerse con el entre os centos de borradores que chegan cada ano. Ademais de xeneroso en cartos e maila publicación da obra, este premio que leva o nome duns dos mestres da literatura española, que tamén se viu alimentada polo talle de moitos dos gañadores. É o caso de Ignacio Martínez de Pisón en 1991 con Nuevo plano de la ciudad secreta; Víctor Freixanes en 1992 con A Cidade dos Césares; Manuel Rivas en 1995 co seu éxito Que me queres, amor?; Xosé Carlos Caneiro con Un xogo de apócrifo en 1996; José María Merino no 2006 con Un lugar sin culpa; ou José María Guelbenzu coa obra El hermano pequeño (2007). Tamén nos últimos anos foron recoñecidas escritoras galegas como Blanca Riestra e Eli Ríos, con Greta en su Laberinto e Luns, respectivamente. Xabier López López foi o gañador no 2018 en versión galega co seu voluminoso 900, e Lola Rontano, murciana afincada en Galicia, fíxose co de narrativa en castelán con Austroatlántica.

A creación fotográfica tamén ten o seu propio certame co Luis KSado, que comezou no ano 1997, gañado polo traballo sobre inmigración de Xosé Abad Vidal. Ao igual que o Torrente Ballester, o KSado converteuse nunha cita que se fixo máis importante grazas á calidade dos seus gañadores, como Vari Caramés ou Marcos Míguez. Todas as artes teñen o seu recoñecemento dende a Deputación, pero nos últimos anos destaca a posta en valor cos traballos culturais que teñen como obxectivo poñer en primeiro o plano a igualdade de xénero. Trátase do concurso de ideas Luísa Villalta e o Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade.