Novas tecnoloxías para mergullarse no Camiño de Santiago e o seu patrimonio

M. García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Cedida

O programa O Teu Xacobeo financia iniciativas que melloran a experiencia dos peregrinos

17 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Converter o Xacobeo 2021 nunha cita contemporánea, innovadora e adaptada os tempos. Esa é a intención da Xunta de Galicia. Para conseguir ese obxectivo as novas tecnoloxías son unha ferramenta básica xa que permiten mellorar a experiencia dos peregrinos e fortalecer o coñecemento do rico legado patrimonial presente en Santiago. Por iso, a través do programa O Teu Xacobeo, financiou varios proxectos baseados nas TIC, tanto orientados á propia ruta xacobea -fomentando un maior coñecemento de todo o seu entorno así como facéndoo máis inclusivo- como para aproximarse ao patrimonio e ao legado histórico.

Catalogación dixital 3D de pezas escultóricas da Catedral. A Fundación Catedral iniciou un proceso de dixitalización de 75 pezas artísticas para crear modelos tridimensionais. Esta iniciativa, segundo explicou o director do Museo, Ramón Yzquierdo, permite avanzar tanto na documentación como na difusión do patrimonio. «Vamos a tener el alma de las piezas», asegurou, o que posibilitará que se poidan reproducir e coñecer o seu estado de conservación exacto, entre outras cuestións. No ámbito da divulgación, facilitará achegarse a estes elementos e acceder a planos que doutro xeito non sería posible, por exemplo, debido á distancia a que se encontran. Para facer o escaneado e a dixitalización das pezas están empregando diferentes técnicas dependendo da súas características. A dixitalización empezou polos relicarios e os sepulcros do Panteón Real e ten continuade por outras pezas expostas no Museo, así como esculturas da fachada de Praterías e da Porta Santa. Ramón Yzquierdo sinalou que á hora de seleccionar os elementos que se inclúen no proxecto tiveron en conta criterios como a súa situación no exterior, que estean en posibles riscos, así como a dificultade de acceso e por temas museísticos.

Base de datos de peregrinos medievais. «O que pretendemos é poder construír entre todos unha base de datos pública sobre os peregrinos medievais», asegura Xosé Manuel Sánchez, técnico do Arquivo da Catedral e profesor de Historia Medieval na Universidade de Vigo. Recollerá información detallada sobre os motivos da peregrinaxe, os lugares de procedencia, as épocas nas que realizaron o Camiño, así como as fontes de información, entre outros campos. A curto prazo xa darán a coñecer uns primeiros datos pero, a partir de aí, Sánchez explicou que o obxectivo é que investigadores e institucións doutros lugares, como pode ser Francia ou Italia, tamén remitan a información que teñen sobre esta cuestións para elaborar de xeito colaborativo e en rede unha gran base de datos.

O mellor camiño no teu móbil. Duascentas placas con códigos QR situadas ao carón da sinaléctica xacobea nos diferentes camiños ao seu paso por Galicia buscan proporcionar ao peregrino información sobre o patrimonio natural, cultural e inmaterial presente na ruta. «Queremos que conozcan los recursos que hay en cada zona y valoren si le interesa acudir o incrementar la estancia en ese lugar», explica Ana Vázquez, de Alecrín Actividade y Aventura, que impulsa esta iniciativa financiada por O Teu Xacobeo. Os códigos QR son referentes a localidades, recursos naturais e patrimoniais, como poden ser lendas.

XacobeoTech. A Fundación Tecnoloxía Social puxo en marcha a iniciativa XacobeoTech coincidindo coa nova edición do Camiño dos Satélites. Deste xeito, daban a coñecer as tecnoloxías que empregaban á poboación. «Queriamos amosar como a tecnoloxía axuda á vida da xente», explicou o presidente da entidade, Enrique Varela Couceiro. Na actividade que se desenvolveu en outubro e na que participaron trece peregrinos en bicicleta, entre eles o músico Serafín Zubiri, incluíu ao remate das tres etapas desenvolvidas as Tecnolareiras, uns encontros gravados en vídeos coa veciñanza co obxectivo de recoller lendas e contos do Camiño, que están dispoñibles en YouTube.