O Gaiás anima o Nadal cunha cidade creada con 50.000 globos biodegradables

M. garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Obradoiros, música e maxia conforman a programación festiva ata o 6 de xaneiro

14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pasadizo dá acceso a toda unha cidade de conto con casiñas de cores, renos, bastóns de caramelo, trasnos, farois, varios personaxes carismáticos, moitas luces e unha gran árbore xigante. Todo un pequeno mundo no Museo Gaiás recreado a partir de máis de 50.000 globos biodegradables de diferentes cores para que a cativada goce durante este Nadal.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu ao prendido da árbore xigante, con máis de dez metros de altura, que ata o 6 de xaneiro será decorada polos visitantes desta cidade de Nadal, que permanecerá aberta de martes a domingo de 10.00 a 20.00 horas. Durante as tardes, de 16.00 a 20.00 horas, desta fin de semana e da próxima, ademais, desenvolveranse diferentes obradoiros de balde para os máis pequenos. Xa a partir do 23 de decembro, coa chegada das vacacións, pasarán a ser diarios ata o 4 de xaneiro, agás os días 24, 25 e 31 de este mes e o 1 de xaneiro. Os máis pequenos da casa, axudados por monitores, poderán elaborar adornos con landras, piñas e outros materiais para potenciar a súa faciana creativa. Ademais, contarán cun espazo para a creación libre no que deseñar as súas postais de felicitación do Nadal.

Iluminación exterior

Pero o Nadal do Gaiás non se cinguirá ao interior do edificio do museo e a esta cidade de conto a base de globos biodegradables. Toda a Cidade da Cultura lucirá dun xeito especial nestas festas, xa que os edificios, as rúas exteriores e os espazos naturais do complexo deseñado por Peter Eisenman estarán engalanados por pequenas luces recreando as constelacións do firmamento. A iso hai que engadirlle a árbore lumínica situada no Bosque de Galicia, que é visible desde o centro de Compostela.

A programación completarase, ademais, con música e maxia. Esta tarde, ás 17.30 horas, chegará o espectáculo circense-musical Orquestra de malabares no que un número de danza aérea a cargo dos malabaristas da compañía Pistacatro dialoga coa música da banda Unión Musical de Meaño. As entradas xa están esgotadas. O espírito circense volverá á Cidade da Cultura o 23 de decembro, neste caso á Biblioteca de Galicia, pero tampouco quedan xa tiques.

Outra das citas destacadas nesta edición será o Galicia Magic Fest, o 28 de decembro, ás 18.00 horas. Na gran gala organizada polo mago galego Pedro Volta reuniranse un total de sete ilusionistas, entre os que se atopa o gañador dun gran premio mundial, como é Norbert Ferré, así como o tamén galego Dani Polo.

O prazo para participar no concurso de postais está aberto ata o día 22

A Cidade da Cultura organiza unha nova edición do concurso de postais, que está dirixido a nenos de ata nove anos, que deben debuxar a súa propia árbore de Nadal. O prazo para participar está aberto ata o 22 de decembro e as postais poden enviarse por correo ordinario -Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura. Monte Gaiás s/n 15707-, depositarse directamente na caixa de correo da Cidade de Nadal ou facelas chegar polo enderezo electrónico online@cidadedacultura.org.

As seis creacións máis orixinais recibirán un agasallo, que lles será entregado o próximo 28 de decembro, ás 18.00 horas, antes do espectáculo Galicia Magic Fest. Na páxina web da Cidade da Cultura pódese descargar un bosquexo que pode servir como guía para a cativada á hora de deseñar a súa propia árbore de Nadal.