Clara Rodríguez: «O prioritario é que o alumnado reciba unha atención máis individualizada»

Irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Lamenta que se siga priorizando a memorización en vez da comprensión e a expresión

14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dun ano que se fixo cargo da dirección do IES Xulián Magariños de Negreira. Clara Cristela Rodríguez Núñez (Lugo, 1965) é doutora en Estudos Medievais pola USC e profesora de secundaria desde 1994. Logo de pasar os primeiros anos por Béjar, Salamanca e Fabero, regresou a Galicia, cuxo primeiro destino foi o centro público integrado de Lousame, e tras doce anos chegou ao instituto negreirés, onde dá clase de Xeografía e Historia en inglés. Case 400 alumnos e 52 docentes pasan polas aulas do centro, recoñecido como modelo de convivencia.

-Como se logra ese status?

-Este instituto ten un recoñecido prestixio como centro de referencia en convivencia positiva, froito do traballo levado a cabo durante moitos anos polo anterior equipo directivo, encabezado por Adelino Pose e a orientadora Begoña Cortés, e que nós tentamos manter e mellorar.

-Pero cales son os métodos e ferramentas?

-Algunhas das boas prácticas son o equipo de alumnado mediador, que intervén para solucionar conflitos de forma dialogada, ou a titoría entre iguais, polo que o alumnado de 3.º de ESO titoriza o novo alumnado de 1.º. A orientadora actual, Cristina Galdo, incorporou unha nova liña creando un equipo de igualdade que leva o nome de Equa, e que contribúe a promover a equidade e o respecto pola diversidade do centro.

-Considera o acoso escolar un problema serio que se estende?

-O acoso escolar é un problema serio, porque provoca moito sufrimento nas vítimas. Non creo que se estea estendendo tanto como ás veces nos fan crer os medios. Hai tendencia a catalogar como acoso calquera tipo de violencia contra un alumno ou unha alumna, pero isto non é así. Para falar de acoso teñen que darse unha reiteración no tempo e unha desigualdade entre vítima e acosador. Por exemplo, unha pelexa ocasional no patio, ou o feito de insultar a un compañeiro ou unha compañeira, non se pode considerar acoso. Hoxe as situacións de acoso multiplícanse polo mal uso das redes sociais.

-Cal é o rendemento xeral do centro?

-Os resultados do centro levan sendo moi bos nos últimos anos, atendendo tanto ao escaso fracaso escolar (en secundaria non hai practicamente abandono escolar nin absentismo) como ás probas externas tipo ABAU (o ano pasado houbo un cen por cento de aprobados, tanto en xuño como en setembro, e foi practicamente todo o alumnado ás probas).

-A que se debe o éxito?

-O centro está nun medio rural bastante desfavorecido, pero creo que o éxito ten que ver sobre todo coa atención á diversidade que se fai durante toda a etapa obrigatoria. Hai centros que, polo seu perfil de alumnado, optan por fomentar proxectos relacionados coa excelencia; no noso caso, o prioritario é que todo o alumnado reciba unha atención o máis individualizada posible (por medio de agrupamentos, reforzos…), para que esas posibles desigualdades sociais de inicio sexan solucionadas polo sistema educativo.

-Teñen algún caso de desenvolvemento académico extraordinario?

-O curso pasado por primeira vez unha alumna marroquí do centro chegou á universidade, e está cursando Matemáticas, cando hai uns anos todas as alumnas magrebís abandonaban ao rematar a ESO. Creo que isto é o que debe definir unha educación pública de calidade: que iguale as oportunidades para todo o alumnado, sexa cal sexa a súa orixe.

-Que melloraría do sistema educativo?

-Creo que o profesorado tenta facer o seu traballo da mellor maneira posible, a pesar de que cada vez se nos piden máis cousas para as que non nos vemos preparados, como favorecer a inclusión sen apoio doutros profesionais especializados. Tamén boto en falta nos centros unha cultura de traballo en equipo. E, malia todas as reformas e contrarreformas, os programas seguen primando a memorización, cando hoxe cómpre incidir na comprensión e expresión.

A protagonista. Clara Rodríguez acumula 30 anos de docencia en secundaria. «O trato co alumnado segue sendo o mellor deste traballo», destaca.

O centro. Son 52 profesores e 394 alumnos. Unha alumna marroquí chegou á universidade o curso pasado.