Cidade da Cultura, pasaporte para o divertimento

O Gaiás énchese de propostas ata febreiro cunha mostra, actividades de Nadal, cine e artes escénicas


Santiago / La Voz

Da exposición Galicia, un relato no mundo ou maxia ata a vangarda das artes escénicas e cine para a cativada. A Cidade da Cultura énchese de propostas moi diferenciadas e para todos os públicos durante este outono-inverno. Argumentos para achegarse ata o Gaiás non faltan no próximos dous meses.

A primeira gran mostra con motivo do Xacobeo 2021 e as súas máis de trescentas pezas para deixar patente a pegada galega dende a prehistoria á actualidade sitúase como principal referente ata mediados de abril. Ofrece a posibilidade de ollar por primeira vez en Galicia obras non só importantes para o país, senón para outros territorios e sociedades. Unha exposición na que os visitantes tamén teñen moito que dicir pois hai múltiples posibilidades de interactuar para mergullarse aínda máis na narración.

A Galicia, un relato no mundo, que será un pano de fondo constante, únese a partir deste venres a programación de Nadal no Gaiás, que se prolongará ata o 6 de xaneiro e que terá a maxia como principal fío condutor. De feito, o día 28 tomará todo o protagonismo co Galicia Magic Fest con cinco ilusionistas de referencia no cartel dunha gala dirixida polo galego Pedro Volta. A isto únese toda unha cidade de conto recreada no hall do Museo Gaiás, así como a fusión de música e malabares este sábado día 14.

A cativada, despois dun pequeno respiro, volverá a ser a gran referencia coa nova edición do festival Pequefilmes. A fin de semana do día 18 e 19 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás ofrecerá unha escolma das mellores producións internacionais actuais. Os asistentes non serán meros espectadores, senón que exercerán como xurado para elixir os mellores filmes.

No remate de xaneiro chegará xa todo un clásico na Cidade da Cultura e que cada vez se expande máis por toda a cidade: a sexta edición do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción, Escenas do Cambio. Nesta ocasión, acollerá a estrea de seis pezas, tanto de artistas internacionais como de compañías galegas. En total, programará dez espectáculos, entre eles, o que recrea o xuízo de Hamlet ou unha peza da coreógrafa polaca-canadense Ula Sickle, que ondeará durante catro horas unha bandeira xigante negra en defensa dos dereitos das mulleres.

Na programación tamén hai un oco para o medio ambiente, con novas plantacións no Bosque do Camiño, que se celebrarán o 14 e o 21 de decembro.

A mostra «Galicia, un relato no mundo» amosa ata o 12 de abril a pegada do país na historia con pezas chegadas de oito países FOTO

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cidade da Cultura, pasaporte para o divertimento