Xosé Pereira: «Cando cheguei a Santiago, a primeira semana creo que me perdín sempre»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Na súa etapa como vicerreitor de Comunicación, di, «cansei de dar malas noticias»

09 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Moraña e quixo ser xornalista desde que ten uso de razón. Fascinado pola radio, que na súa casa sempre estaba presente, recorda as noites de La Gramola en M80 cando era un rapaz. Cousas da vida, ao final «demostrei que non era para nada un tipo de radio», di Xosé Pereira. Pero o camiño xa estaba escrito. Ata o punto de que cando fixo selectividade so marcou unha titulación, Xornalismo. Tiña que ser si ou si. Na súa etapa de estudante, «un bo estudante, pero non dos mellores», tamén tivo experiencia como guía de museo, da man de Filgueira Valverde. Foi no vello museo, onde se puxo en marcha a figura de alumno colaborador: «Faciamos de guías, aprendín moito, por exemplo a elaborar un discurso e adaptalo».

Tamén tivo unhas cantas experiencias memorables, como a daquel político do que estaba especialmente avisado que era unha visita sensible, con tan mala sorte que deu un esvarón ao baixar ao camarote da fragata Numancia. Ou a visita dun grupo de nenos cegos: «Escoitar a un deles describindo mellor ca min a escultura que estaba a tocar é un dos recordos máis entrañables».

Chegou a Santiago sen coñecer a cidade. Daquela non era unha excursión frecuente na súa familia. «So recordo vir á exposición de Galicia no tempo, pedinlle aos meus pais que me trouxeran». Aterrou na Facultade de Xornalismo, que estaba en Mazarelos, e alugou con tres compañeiros un piso no Pombal. «A primeira semana creo que me perdín sempre», admite. Logo cambiaron á rúa Nova de Abaixo, o epicentro da movida nos 90. Pero non era moi festeiro, así que non levaba ben a festa continua nas rúas, «a vida compostelá non era moi compatible con levantarme ás seis da mañá, e iso xerábame algo de estrés», conta o xornalista.

Cando chegou á facultade sorprendeulle unha cousa, «que os nosos profesores da carreira eran os señores que viamos na televisión, Beiras, Barreiro Rivas, Barreiro Fernández, e por outro lado os que facían antena na TVG», polo que, apunta, «estar nunha facultade chea de caras famosas facíate sentir un tipo importante».

En ningún momento pensou Xosé Pereira en facer carreira investigadora, pero facerlle a contabilidade ao seu pai, que era camioneiro, fixo que acabase no seu primeiro proxecto de investigación. «Estaba traballando no Diario de Pontevedra e chamoume Xosé López, que para min é dios, todo o que son é grazas a el, porque precisaban unha persoa con destreza en bases de datos». Foi a súa entrada na investigación, un campo no que rápido se sentiría cómodo: «Ese coñecemento contable levoume a ese primeiro proxecto, facer unha base de datos das empresas audiovisuais de Galicia». Converteuse así «no rapaz de arranxar trebellos; recoñezo que iso non me gustaba moito, pero si o mundo da investigación». Logo chegarían varios contratos ata lograr a praza como funcionario no 2007. «Son o último habilitado de España», di, porque despois empezou xa o sistema de acreditacións.

Pronto deu o salto á xestión universitaria. Un decenio no que foi decano e máis vicerreitor. Se ten que elixir, quédase co decanato, «porque tes posibilidade de facer cousas vinculadas á facultade na que te criaches». Como vicerreitor viviu outras experiencias, «traballei como nunca na miña vida». Había un problema económico importante e iso obrigaba a tomar decisións transcendentais, «cansei de dar malas noticias», di con humor. Tamén houbo algunha crise non financeira, «como as falcatruadas dalgún profesor». No 2017 chegaría a que de momento é a súa última etapa, na Compañía de Radio Televisión de Galicia.