Martin Pawley: «Un ceo óptimo é o que permite ver 4.000 estrelas, ou máis, pola noite»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Marcos Míguez

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, do que é directivo, apoia que interveña o Parlamento para regular mellor a contaminación luminosa

04 dic 2019 . Actualizado a las 11:20 h.

A opción de Rosalía de Castro para dar nome a unha estrela «foi a máis votada en España, como xa se publicou. Saberemos o resultado final neste mes de decembro: resolverá a Unión Astronómica Internacional, que escollerá unha denominación por cada país», afirma Martin Pawley, directivo da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que promove esta iniciativa de recoñecemento da autora de Follas novas. 

Pawley é especialista en contaminación luminosa. Hai unhas semanas contou con docentes da USC, e con máis profesionais recoñecidos na materia, para organizar a xornada divulgativa O valor da noite, no Parlamento de Galicia. É a segunda vez que realizan unha intervención de tanto relevo. Na anterior, no ano 2015, houbo unha declaración institucional da Cámara autonómica que recoñecía, entre outros puntos, que «é imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes. Deberá promoverse e exixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural». Tamén defendía que se fomentase «o turismo responsable e sustentable, que faga da paisaxe nocturna un recurso que debemos protexer e pór en valor». Martin Pawley esclarece que «esta xornada recente, de hai unhas semanas, foi a petición do Parlamento, por interese de todos os grupos da Cámara. Temos especial contacto sobre o asunto cos deputados Gonzalo Trenor, Patricia Vilán, Luca Chao, Xosé Luís Rivas e Pancho Casal. É un tema moi importante. Nunha recente publicación, o especialista italiano Fabio Falchi estudou 1.359 demarcacións europeas e situou as provincias da Coruña e Pontevedra nas últimas posicións, cun 20 % peor que a media, ao valorar a calidade do seu firmamento nocturno». 

A contaminación luminosa, polo exceso de luz, é prexudicial para a saúde e para o medio ambiente, e ten outros efectos negativos, insiste: «Un ceo óptimo é o que permite ver 4.000 estrelas, ou máis, pola noite. Poder ver a Vía Láctea sen ter que facer ducias de quilómetros é o mínimo que se debera exixir, pois a Vía Láctea supón un ceo xa aceptable, con posibilidade de ver unhas mil estrelas. Aínda que debemos pedir mellores condicións», di.

Pawley lembra que «a luz artificial é sempre contaminación. Hai que usar só a necesaria para ver e circular con seguridade para as persoas, vehículos e bens; o resto é malgastar recursos e contaminar. Hai que iluminar ben, non iluminar en exceso», manifesta. Unha mensaxe especialmente actual nestas datas, cando tanta presenza ten a iluminación artificial.

Este especialista sinala que «os concellos contan con competencia legal sobre esta materia, poden promover normativas para a súa mellor utilización e teñen a principal responsabilidade de que haxa luces apropiadas nas rúas. E deben asumir que o que fagan non ten efecto só sobre o seu territorio, pois a contaminación luminosa pode chegar a concellos veciños, mesmo a zonas afastadas a 50, 100 ou máis quilómetros, depende da situación. Por iso ten que haber unha conciencia un pouco máis global. Este é un problema semellante ao dunha vertedura nun río, que afecta ao lugar onde se produce e pode ter efectos en todo o curso, polos diversos concellos polos que pase».

Pawley considera que sería interesante «que o Parlamento, como Administración superior, promovese algunha normativa que regulase este asunto. Porque como sociedade tamén temos que decidir canta luz queremos gastar e como, sabendo que contamina, como está a acontecer cos consumos de combustíbeis fósiles ou das enerxías».