Xosé Lago: «O certame aRi[t]mar é importante para a proxección exterior de Galicia»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A Escola Oficial de Idiomas culmina mañá no Auditorio a terceira edición da iniciativa

03 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A intérprete Uxía, xunto cos grupos Tanxugueiras de Galicia e Os Azeitonas do norte de Portugal, e dúas poetas, a galega Susana Sánchez Arins e Marta Chaves, de Coimbra, reciben mañá os premios da terceira edición do certame aRi[t]mar, convocado pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago, e no que colaboran varias institucións dos dous países. «A mellor vía para que a cidadanía de Galicia e do norte de Portugal se integren é a través da fala e da música, e esta iniciativa abrangue ambos os dous piares, por iso penso que é moi valiosa e interesante», afirma Xosé Lago, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Onte participou, no Concello, no lanzamento da gala, que se celebra mañá no Auditorio de Galicia, a partir das 21.00 horas, con actuacións musicais, poesía e mais actividades, e presentada polo galego Carlos Blanco e a portuguesa Maria João Costa. Con Lago estiveron en Raxoi a edil Mercedes Rosón, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director da EOI, Gonzalo Constenla.

«Cando a Escola Oficial de Idiomas de Santiago nos propuxo colaborar valoramos a iniciativa como moi positiva. O certame aRi[t]mar é importante para a proxección exterior de Galicia e para a colaboración co norte de Portugal a través da cultura, e iso está entre os nosos obxectivos. A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal é un organismo que promoven a Xunta e a Administración descentralizada do norte portugués para fomentar a cooperación, é o brazo executor das políticas que deseña a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Temos tres áreas principais: unha orientada para o emprego; outra, cultural e educativa, denominada Iacobus, para fomentar a cooperación entre universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos dos dous países, para favorecer intercambios de docentes, investigadores e tamén de persoal de administración e servizos. Iacobus comezou hai sete anos, ten aberta agora mesmo a sétima convocatoria e ten o maior interese no intercambio de investigadores entre centros de ambas as marxes do Miño, e en incentivar os traballos conxuntos en publicacións científicas internacionais de referencia», esclarece Lago.

Porén, é na terceira das áreas onde sitúa este certame aRi[t]-mar, a denominada Nortear, «que é unha colaboración que mantemos coa Dirección Xeral de Industrias Culturais da Xunta e coa Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, que inclúe un premio literario, diálogos literarios, intercambios de exposicións e de fondos bibliográficos, actividades teatrais e outras iniciativas. Utilizar a música e a poesía como unha ponte de unión, favorecer que participen persoas, grupos e proxectos de Galicia e do norte de Portugal como fai aRi[t]mar, e sobre todo o feito de que voten persoas dos dous países para escoller quen gaña -nesta edición houbo case 5.000 votos, segundo se salientou onte no Concello- é moi relevante».

Xosé Lago insiste no interese desta área de traballo, «pois este ano a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa distinguiu Nortear co premio como mellor proxecto cultural europeo transfronteirizo, competindo con 22 proxectos de 20 países diferentes». Un premio que recolleron o mes pasado, lembra.

Lago é tamén subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta. Alén de varios departamentos da Administración autonómica, da entidade que dirixe Xosé Lago e do Concello de Santiago, aRi[t]mar ten apoio da Deputación da Coruña, do Instituto Camões, da USC, do Conservatorio Profesional de Música de Santiago e das escolas oficiais de idiomas de Lugo e Pontevedra.