Xosé M. Reboiras: «Se a xente pedise con insistencia as misas en galego, mellor nos iría»

Irene Martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Ten a esperanza de que a mocidade tome conciencia da importancia da lingua

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva o galego no peito e na alma. Xosé Francisco Martínez Reboiras (Dodro, 1941) recibiu o venres unha homenaxe da asociación Escolas Católicas, que lle recoñece o labor de fomento da lingua na súa etapa de secretario desta asociación (2008-16) que agrupa a uns cento vinte colexios en Galicia. En colaboración coa editorial Santillana, Escolas Católicas crea o premio Irmán Reboiras para distinguir as iniciativas singulares a prol do uso do galego.

-Bautizar o premio co nome de un é moito máis que recibilo?

-Efectivamente, bautizar o premio co nome é recoñecer nesa persoa méritos na súa defensa e difusión da lingua galega. Recibilo ten tamén o seu mérito, dado que supón un traballo de reflexión e busca de iniciativas que se poidan levar á práctica e que sexan eficaces para promover e difundir o uso da lingua galega.

-Que accións desenvolveu a favor do galego sendo secretario de Escolas Católicas?

-Neses oito anos que exercín de Secretario Autonómico de Escolas Católicas continuei o labor xa iniciado anteriormente, potenciando os equipos de normalización lingüística, a xornada de normalización e a festa da lingua. Como novidade establecín para os colexios as celebracións do Día da Paz, o Domund, o Mes de María, procurando que se realizasen en galego. Tamén o envío de pezas de teatro para nenos e mozos con motivo do Nadal e o certame de panxoliñas, onde participan coros colexiais de toda Galicia, con cantos de Nadal en galego. Aumentei a documentación que semanalmente se envía, e sigo enviando, aos delegados de pastoral dos nosos centros para animar o seu labor, coas lecturas do domingo, comentario das lecturas...

-Os estudosos din que o emprego do galego vai a menos, sobre todo entre a mocidade. Como ve vostede o panorama?

-Non son moi optimista, pero teño esperanza de que a mocidade tome conciencia da importancia da lingua como elemento fundamental da cultura dun pobo. Din, e creo, que a lingua é o sangue do espírito.

-Como seduce ou seducía aos alumnos para que o falasen?

-Actualmente non dou clase, estou xubilado, pero a miña lingua en todo momento e con todas as persoas coas que me relaciono é o galego. Cando daba clase, facendo o galego atractivo, con poesías, cantos, refráns, e fomentando a oralidade.

-E as misas en galego tamén van a menos?

-É posible. Pero eu animo todos os domingos dúas misas en galego. Temos que botarnos as culpas. Somos moi pasivos, «ao que nos boten». Se a xente pedise con insistencia aos sacerdotes que dixesen a misa en galego, mellor nos iría. Eu a todas as misas que asisto, funerais inclusive, sempre intento meter, cando menos, os cantos en galego.

-En que cambiou o método de ensino-aprendizaxe? Como debe ser o profesor deste tempo?

-Dialogante, pero esixente, achegado ao alumno, pero facéndose respectar. O profesor non é un alumno máis, aínda que dos alumnos se pode aprender moito. Que o alumno saiba que o profesor está sempre achegado e dispoñible para axudalo.

-A música é a súa paixón?

-Miña nai cantaba. Algo dela aprendín, pois desde o seminario sempre formei parte dos coros e desde que comecei o labor docente sempre participei nos concursos de Santa Cecía e Festivais do Sar. De profesor adoitaba comezar a reflexión da mañá cun canto. Fundei o coro de Santa María do Camiño e San Bieito, e cantamos as primeiras misas da Radio galega. Tamén puxen en marcha o Coro de San Xulián de Laíño, na miña parroquia da aldea, e participei con el nas misas da TVG. Aínda hoxe animo o canto nas misa dominical de San Bieito, ademais de formar parte da Coral La Salle.