Beatriz Noya e Xosé Manuel Durán: «O consumo pode facer que o lugar onde vivimos sexa máis próspero»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Comercio, restaurantes, labregos e consumidores unen esforzos na asociación Non é o mesmo

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Promover un punto de distribución de alimentos producidos na zona rural de Compostela, que funcione na praza nova do Ensanche para que, deste este mercado, teñan saída para estabelecementos e para o público en xeral. Ese será un dos asuntos da orde de traballos da asociación Non é o mesmo, na asemblea que celebra este sábado, desde as 18.00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes. O encontro utiliza como lema «Por unha economía local para as persoas» e terá carácter aberto, afirman Beatriz Noya Mariño, investigadora da USC e integrante deste proxecto como consumidora, e Xosé Manuel Durán, propietario dun comercio de alimentación do Ensanche.

Non é o mesmo comezou a funcionar en xuño. Neste tempo integrou a 12 tendas e cinco restaurantes, e a labregos e consumidores da contorna; en total, 80 socios e socias. Queren que o encontro deste sábado sirva de lanzamento para unha maior visibilidade en Santiago e na súa contorna, e para iso terán un convivium ao final: «Precisamos unha economía comprometida coa sociedade e co planeta; comprometida coas pequenas empresas locais, cos pequenos talleres artesáns e coas labregas do noso rural. Temos o convencemento de que o futuro do comercio local das cidades e das vilas do noso país pasa por pór en valor ás persoas, por fomentar “corpo a corpo” o contacto real fronte ao virtual», afirma Beatriz Noya.

A asociación está organizada por gremios: do comercio local, de restauración, de consumidores e de profesionais labregos. «Todas as persoas que participamos asinamos unha carta de compromiso para manifestar publicamente que nos comprometemos social e medioambientalmente. E pretendemos organizar visitas unha vez ao mes a persoas asociadas para que expoñan publicamente o seu compromiso e o que fan para que sexa realidade. Así desexamos que todas as persoas sexan conscientes de como o consumo pode facer que o lugar onde vivimos sexa máis próspero, porque o consumo é unha ferramenta moi poderosa. E favorecer que o beneficio dese consumo permaneza na comunidade, non que vaia para un paraíso fiscal; porque até o 80 % do gasto que se fai nunha gran superficie ou nunha multinacional vai para fóra», acrecenta Beatriz.

É por iso que defenden «o quilómetro cero, que significa que haxa a menor distancia entre o espazo onde se produce e onde se distribúen os alimentos, os produtos de artesanía e os que vende o comercio de alimentación, ou o de roupa e doutros produtos», indica.

Xosé Manuel Durán insiste en que «a idea é fomentar un modelo de economía local que favoreza a propia comunidade».

Entre os compromisos que poden asinar as persoas e entidades que pertencen á asociación Non é o mesmo están medidas ambientais, como por parte do comercio evitar o uso de bolsas de plástico; no caso dos restaurantes, que se poidan levar para a casa os alimentos non consumidos no establecemento; ou entre labregos e consumidores, o aforro de enerxía, entre outras. «O proxecto é amplo. O que se pretende é pór en valor ás persoas e facer visible ante a sociedade iniciativas que melloren a comunidade, o medio ambiente e o planeta», manifesta Durán.

Durán e Noya chaman a atención sobre que «non é o mesmo o prezo que o custo: un produto pode ser moi barato e ter un custo medioambiental e social moi elevado, que paguemos nós ou os nosos fillos. A propia Organización Mundial da Saúde avisa sobre isto».