Mar Fernández: «O alumnado de cuarto ciclo busca repensar saberes e compartir lecer»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

IRENE MARTÍN

Detecta unha mellora na calidade literaria e do galego nos últimos anos

17 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vive a cabalo de Santiago, Ourense e Pontevedra, impartindo clases nos tres campus. Mar Fernández Vázquez, licenciada en Filoloxía Hispánica e Románica pola USC, naceu en Barcelona e a súa casiña familiar está na evocadora vila ourensá de Montederramo. É a secretaria da xunta directiva da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e habitual dos xurados de creación literaria.

-Como afronta dar clases en tres cidades e a estudantes e a maiores?

-Coa ilusión de aprender dun alumnado variado en experiencias, afeccións e inquedanzas, e da cultura de Ourense, Santiago e Pontevedra. Na viaxe en tren Ourense-Compostela leo e reorganizo material para o alumnado de IV Ciclo, e a ida e volta no bus Ourense-Pontevedra descanso da intensa mañá de titorías e aulas.

-Como viven os maiores do cuarto ciclo a aprendizaxe na universidade? Máis mulleres que homes?

-Coa frescura de acudir por vez primeira ou anos despois a unha USC renovada no acceso ao coñecemento (campus virtual para as materias, conta de correo académica, ampla oferta de servizos…). Este alumnado busca repensar saberes previos, achegarse a materias de recente impartición e compartir aulas e lecer con compañeiros de estudos. As mulleres aínda son inmensa maioría.

-E os seus estudantes, os mozos, son inquietos, curiosos, interesados, sen faltas de ortografía, con boa expresión escrita...?

-Cunha linguaxe demasiado coloquial, dúbidas sobre os signos de puntuación, falta de relación entre os coñecementos adquiridos e a aplicación práctica... Estes estudantes do grao de Educación Primaria ansían enfrontar o seu primeiro día como docentes, adaptar o currículo ás competencias do alumnado, crear actividades innovadoras, lograr alumnado participativo e interesado en querer aprender, e usar metodoloxías do século XXI.

-Catorce edicións do Premio Relato Curto de Alumni USC, de cuxo xurado forma parte desde hai anos como secretaria. Cal é o balance en canto a participación, así como á orixinalidade e e calidade dos textos?

-Desde o cuarto Premio do 2011 veño detectando unha mellora crecente respecto ao número de relatos presentados, calidade da escrita literaria e da escrita en galego e interese por temas candentes na sociedade, se ben pouco abordados ou tratados ata agora desde enfoques literarios semellantes. Por certo que temos aberto o prazo de presentación de orixinais desta edición ata finais de decembro.

-Tamén acaba de estar no xurado dos Premios da Crítica. Que valora vostede ou como discrimina cando lle toca este labor?

-O número de obras publicadas inflúe na estratexia elixida. Esta vez unín seleccións parciais para conseguir ler toda a producción 2018 de narrativa, poesía, teatro e ensaio, tanto de adultos coma de Literatura Infantil e Xuvenil. Valoro e descarto en base á verosimilitude, estrutura da obra, fluír da escrita, modo de desenvolver lingüisticamente a trama e final coherente.

-Cales son as súas preferencias literarias?

-Como docente-investigadora, leo textos culturais de referencia, clásicos que me quedaran atrás e achegas novidosas. E como lectora vital prefiro relato longo que novela extensa, microrrelatos, obras transmedia, álbumes e banda deseñada. Nos últimos meses estou a ler varias obras á vez: traducións de narradores estranxeiros que xogan co espazo e o tempo, poesía e teatro galegos actuais, e obras iniciais e recentes de narradores galegos.

-Que lugares de Galicia lle atraen máis e por que?

-Atráenme lugares non contaminados pola globalización e nos que se percibe a evolución cultural ao longo dos séculos e fascíname a natureza en estado puro. Gusto de revisitar as termas e edificios modernistas ourensáns, o parque de Bonaval en Compostela e Covas en Ferrol. Desconecto en Montederramo (o seu mosteiro e o bidueiral de Gabín) e noutros recantos da Ribeira Sacra.