Vítor Ramalho: «Temos o maior interese en reforzar a relación con Galicia e con Santiago»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A União de Cidades Capitais da Língua Portuguesa (UCCLA), ao que pertence Compostela, prepara un encontro na capital galega no 2020

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vítor Ramalho, secretario xeral da União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa (UCCLA, onde está integrada Santiago desde o ano 2017), interveu na EGAP na inauguración do Foro da Lusofonía, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Participan por volta de 60 representantes, un terzo chegados de Portugal, Brasil, Guinea-Bisáu, Angola, Mozambique, Cabo Verde e São Tomé e Príncipe, xunto con cargos da Xunta, Parlamento e concellos galegos. Abordan experiencias de proxectos galegos con eses países e resaltan o papel dos municipios na cooperación ao desenvolvemento.

Do medio centenar de cidades que integran a UCCLA, ás que se unen empresas, consultoras, financeiras, universidades e outras entidades que apoian a institucións, só tres non pertencen a países de lingua oficial portuguesa. Son Macau (China), que foi fundadora, pois en 1985, cando comezou a UCCLA, aínda pertencía a unha rexión administrada por Portugal, que adoptou o portugués como lingua oficial e é hoxe unha cidade estratéxica para a relación de China co mundo lusófono; Compostela, polas relacións históricas, lingüísticas ou de patrimonio; e desde este ano tamén Olivenza (Badaxoz). «A relación histórica de Portugal con Galicia é e foi sempre moi forte, independentemente da transitoriedade dos gobernos locais. Na UCCLA temos o maior interese en reforzar a relación con Galicia e con Santiago», afirma Ramalho.

En xullo do 2017 houbo xa un encontro da UCCLA en Compostela «que insistiu na compoñente turística e económica, serviu para dinamizar a participación portuguesa nos Camiños de Santiago, reforzou a divulgación e favoreceu un maior coñecemento de Galicia e do Camiño», afirma.

Agora acordaron «celebrar outro encontro en Santiago, no ano 2020. Estamos a ver os temas que interesan e a forma de participación», acrecenta.

Ramalho esclarece que desde a UCCLA «temos desenvolvido múltiples accións de solidariedade, como recentemente para axudar á cidade de Beira e outras de Mozambique afectadas por ciclóns. Outros proxectos están a ser concretizados hai algúns anos, como o apoio á reconstrución de edificios en Timor, ou ao patrimonio cultural da Illa de Mozambique. En Guinea-Bisáu promovemos un proxecto enerxético, de substitución do carbón polo gas natural. Son iniciativas culturais e de infraestruturas. Tamén organizamos encontros de escritores de lingua portuguesa, idioma que ten a orixe no galego-portugués, e contamos con presenza galega; e temos un premio para escritores sen obra publicada, que é o concurso máis concorrido do mundo lusófono».

Salienta o interese de que entre as persoas galegas e dos países lusófonos «non precisamos de intérpretes para nos entendermos. Iso é unha cousa fantástica, que abre grandes posibilidades, porque hoxe as linguas son instrumentos de economía e de cultura e todos nós temos que aproveitar esa vantaxe. O obxectivo principal da UCCLA é contribuír para o desenvolvemento sustentábel e o benestar das súas poboacións, caracterizadas por unha diversidade que supón desafíos», indica.

«A actividade da UCCLA é múltiple e multidisciplinaria: atende a cultura, as infraestruturas, apoia candidaturas internacionais e tamén se preocupa de buscar respostas ao desenvolvemento. Un tremendo desafío e prioridade da comunidade internacional está no desenvolvemento sustentábel das cidades, porque no ano 2050 un 70 % da poboación vivirá nas cidades e hai que atender situacións como o crecemento demográfico de África», afirma sobre os obxectivos do Foro da Lusofonía, que finaliza hoxe en Santiago.