Melide lembrará aos grupos do pasado na Semana da Música

A trixésima edición da cita reunirá quince formacións da comarca


melide / la voz

Lembra Javier Rodríguez que o primeiro cartel da Semana da Música da Terra de Melide «está feito a máquina de escribir na casa do concello». Corría o ano 1987. Das agrupacións que actuaron por aquel entón, so quedan en activo o grupo de gaitas Froito Novo, a banda de música de Visantoña, e a coral polifónica da capital comarcal, tal e como sinala o presidente da formación vocal, que, catro anos despois daquela primeira edición, retomou as rendas dun encontro que este ano sopra trinta velas.

Nese sinalado aniversario -que se celebrará no auditorio municipal as fins de semana do 15, 16, 17 e do 22, 23 e 24 deste mes- a dirección da coral polifónica melidense decidiu ter un recordo para aquelas formacións que por circunstancias vitais xa non están. É o caso, entre unha docena, do grupo Troito, do coro Voces Femininas, e dos Garceiras. A ese histórico e recoñecido grupo de gaitas que levou por bandeira a música tradicional galega nos anos escuros da ditadura refírese Javier Rodríguez como «unha semente» da devoción que se lle profesa á música en Melide. E falando dos Garceira, o presidente da coral polifónica recorda con que finalidade naceu o encontro musical da comarca. «Case ninguén sabía que gañaban todos os concursos aos que ían tocar, que eran o mellor grupo de Galicia, polo que, ademais de conservar a afección á música que de sempre había en Melide, e, de ser posible, fomentala, había, sobre todo, que mostrarlle á xente o que había en Melide», explica. E obxectivo acadado. Porque o programa do trinta aniversario da Semana da Música deixa claro que o corazón musical da comarca segue latindo con forza. E moita. Quince grupos e catro solistas dos municipios de Melide, Toques, Santiso e Sobrado dos Monxes ofrecerán parte do seu repertorio nunha cita que subirá ao escenario da Casa da Cultura da localidade melidá a «máis de duascentas persoas», apunta Carlos Landín, que, xunto con Javier Rodríguez e Enrique Broz, ultiman estes días os preparativos dun dos encontros máis agardados polo veciños. Son conscientes diso na directiva da coral polifónica, dende a que destacan como «motores» da Semana da Música ás agrupacións participantes, «que sempre acudiron xenerosamente», e ao público, «sen o que isto non existiría».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Melide lembrará aos grupos do pasado na Semana da Música