Cintia Folgueira: «A posibilidade dun fármaco novo para a obesidade está máis próxima»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Premiada pola Sociedad Española de Endocrinología y Nutrición, investigou en laboratorios do Clínico e do Cimus e continuará o traballo en Madrid

08 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As últimas semanas serán difíciles de esquecer para Cintia Folgueira, pois recolle éxitos da súa traxectoria académica e investigadora en Santiago. Hai uns días recibiu en Bilbao un premio, no congreso da Sociedad Española de Endocrinología y Nutrición, que recoñece a súa Tese de Doutoramento como a mellor da especialidade en 2018; e conseguiu tamén dous contratos de investigación, en convocatorias competitivas estatais, dos programas Juan de la Cierva do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e Sara Borrell do Instituto de Salud Carlos III. Isto permitirá que poda continuar o seu traballo os próximos anos, desde xaneiro, no Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares, en Madrid, no grupo de Guadalupe Sabio «unha das científicas de máis proxección e con quen continuarei a investigar sobre a obesidade e as doenzas cardiovasculares; será unha orientación diferente, máis centrada nas proteínas denominadas quinasas, para a que aproveitarei a experiencia do traballo no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS)», explica Cintia.

Na USC estudio Bioloxía, na especialidade de Biotecnoloxía e Bioloxía Molecular; e fixo un mestrado en Neurociencia. Despois conseguiu unha axuda do IDIS para realizar a Tese de Doutoramento, onde traballou en colaboración co grupo de Fisiopatoloxía Endocrina, liderado por Luisa María Seoane no Hospital Clínico; e despois co de Metabolismo Molecular, de Rubén Nogueiras. Seoane e Nogueiras, con Felipe Casanueva, orientaron a súa tese de doutoramento, unha investigación coa que contribuíu a conseguir avances para mellorar o tratamento da obesidade: «No Clínico traballei sobre a uroguanilina, una nova hormona da que se coñecía moito sobre a súa función no ril ou no intestino, e o noso traballo en Santiago probou que tamén pode ter un efecto beneficioso na perda de pesa. Investigamos en animais e demostramos como a administración desta hormona provocaba perda de peso nos ratos, que era independente do que comesen e tamén activaba a graxa parda, que é beneficiosa para o organismo, para a produción de enerxía e a regulación da temperatura corporal».

No Cimus estudou «a bromocriptina, que activa a dopamina e que se usa para tratar doenzas como a diabete tipo 2; tamén a probamos en ratos e verificamos como perdían peso, aínda que comesen o mesmo, activaban a graxa parda e tiñan máis gasto enerxético».

Estas dúas investigacións, difundidas en revistas científicas de referencia internacional, coincidiron en parte no tempo «porque en ciencia sempre é interesante ter un plan A e un plan B». Por este último traballo tamén colaborou cos grupos de José Luis Labandeira, Miguel López e Carlos Diéguez, do Cimus, e outro da Clínica Universitaria de Navarra, centrados na dopamina para o tratamento de diferentes doenzas. «Un dos obxectivos principais destes traballos foi avanzar para conseguir un tratamento efectivo para a obesidade, e a posibilidade dun fármaco novo para a obesidade está máis próxima e penso que é interesante dar continuidade a ese traballo», afirma. Valora que «foi positivo traballar con grupos de orientacións diferentes no IDIS, ter dous xefes como Seoane e Nogueiras resultou moi valioso».

A próxima semana, Cintia intervén na Semana da Ciencia, no IES Xelmírez II: «Falarei das posibilidades que ofrecen os centros singulares de investigación da USC, sobre todo para alumnado que se queira dedicar a carreiras científicas. E tentarei que vexan o problema da obesidade na sociedade, e o papel do cerebro e das neuronas na obesidade».