Movendo os fíos desde Galicia

SANTIAGO

cedida

O festival de títeres Galicreques ofrece hoxe unha decena de espectáculos

19 oct 2019 . Actualizado a las 04:50 h.

Un total de 25 compañías galegas, do resto do España e de medio mundo están a estrear sete espectáculos de grupos galegos, arxentinos e madrileños na vixésimo cuarta edición do festival internacional de títeres Galicreques, que hoxe monta cinco escenarios por todo Santiago.

A actividade escénica da xornada principiará na Fundación SGAE ás 12.30 horas coa compañía Triestitelles, que presenta o seu espectáculo Viaje a la luna, en homenaxe á película de George Méliès. Haberá outros dous pases ás 17.30 e ás 18.30 horas. Tamén ás 12.30 haberá oferta teatral no CSC de Conxo, con Teatro de Marionetas La Estrella e a súa obra Los músicos de Bremen, na que se mesturan as marionetas de fío cos bonecos de luva. Ás 13.00 horas, Art-Monium ofrecerá polas rúas un espectáculo itinerante de cabezudos, malabares e música en vivo, e media hora máis tarde, a carpa de Galicreques na Alameda iniciará a súa actividade da xornada co espectáculo Cinco historias para unha man, de Spaguetti Títeres. Seguirán ao longo da xornada a compañía lusa Marionetas de Feira (17.00 horas), a arxentina Teatro Piedra Libre (18.30) e a galega Micromina (19.30). O prato forte da xornada será no Teatro Principal, que acollerá dous espectáculos. Ás 17.00 horas, o de Teatro Gaia, que porá en escena Desde el azul, coa artista bosnio-peruana Ines Pasic, recoñecida pola súa expresión corporal. A xornada pechará con Vairoleto, pechito libertario, da compañía arxentina La Pelela Títeres.

Organizado pola asociación cultural Barriga Verde, o festival conta co apoio da Agadic, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, INAEM e a Fundación SGAE.