Guía para coñecer Santiago da man de Marilar

A escritora percorre os espazos culturais e naturais da cidade achegando as súas recomendacións


Non é a primeira vez que Marilar Aleixandre publica unha guía sobre a cidade onde fai vida dende 1991 (cando acadou a praza na USC), pero nunca unha tan completa como Santiago de Compostela desde dentro. Conta a premiada escritora que Quique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, propúxolle facer algo diferente, aproveitando que nas librarías botaban en falta unha guía actualizada. E ela, con 28 anos de bagaxe polos recunchos da capital galega, púxose mans á obra. Levoulle preto dun ano e medio, e o resultado é un percorrido polos espazos culturais e naturais. A súa formación en bioloxía permítelle asegurar con coñecemento de causa que esta «ten uns espazos moi singulares e unha cantidade de parques e zonas verdes que non ten ningunha outra cidade de Galicia». Marilar recomenda nove visitas, que pasan polo pórtico da Gloria xa restaurado, a tripla escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego, a escultura das Marías na Alameda, o miradoiro de Belvís, a Praza de Abastos, A Quintana, os tellados da Catedral, as rúas Nova e do Vilar ou a ruta dos muíños do río Sarela, «a mesma que fago todos os anos co alumnado da facultade». «Hai xente de Santiago que nunca foi ou que non saben que a rúa Nova é, pese ao seu nome, a segunda máis vella da cidade», apunta cando se lle pregunta se a publicación é de interese só para os turistas. Dispoñible en castelán e galego (non descartan traducilo tamén ao inglés), conta tamén cun calendario de árbores, flores e festas, un percorrido polo territorio das mulleres e por catro itinerarios que facer. Todo iso acompañado de apuntamentos literarios, etnográficos e curiosidades varias que afondan na historia e esencia do lugar, dende as lavandeiras ata as rodeiras. Fala da pegada de Rosalía de Castro, Lorca, Valle-Inclán ou Torrente Ballester. E non faltan os consellos prácticos, como comprar artesanía local e non marchar sen probar un prato con grelos, as vieiras, a torta de Santiago mercada nunha confeitaría ou as empanadas, que non pasan de moda aínda que xa se comían na Idade Media. Marilar móllase e recomenda dez sitios onde comer, seis para beber ou oír música e outros dezanove para mercar. «Aquí hai tanto que ver... O que boto en falta é que haxa máis letreiros informativos, por exemplo xunto á porta de Mazarelos, que é a única da antiga muralla que queda en pé», destaca a escritora. 

Reencontro

Pasaron 25 anos dende que deixaron as aulas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago. Pero o pasado sábado os exalumnos da promoción 1989-1994 reencontrábanse para celebrar as vodas de prata. Volveron verse as caras na Aula A, nun acto organizado por Patricia Peña Gil e presidido polo decano, Xoán Ramón Doldán García. «Foi un acto emocionante, ao que sen dúbida contribuíu a magnífica organización que tivestes, e como non, a calidade humana da que todos e todas vós fixestes gala», destacou. O grupo contou coa profesora Marisa del Río como madriña da promoción, ademais de con outros docentes como José Carlos de Miguel, Rafa Millán e Loreto Fernández

De Santiago a Ferrol

Ramiro Ledo, socio e un dos promotores da sala Numax, colleu as rendas dos cines Dúplex, que iniciaron unha nova etapa en Ferrol. Como distribuidor xa tiña relación co seu anterior responsable, Juan Antonio Álvarez.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Guía para coñecer Santiago da man de Marilar