A arte que subxace no mobiliario

La Voz

SANTIAGO

cedida

O carpinteiro Inazio Abrao mostra catro caixoneiras e una ducia de esculturas no aeroporto

08 oct 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

«É a posta en valor das árbores e dos materiais autóctonos, así como das pezas que non son seriadas». Esa é premisa que subxace detrás das obras que conforman a exposición De madeira, en recordo ás dezaseis árbores do Somme do carpinteiro lucense Inazio Abrao no aeroporto de Lavacolla.

A mostra constitúena catro pezas de mobiliario -trátase de caixoneiras- e unha ducia de esculturas que parten de aumentar algunhas partes das anteriores. «Son detalles construtivos sacados do contexto dos mobles, como pode ser algún tipo de ensamblaxe. Trátase de escultura feita a partir do aumento de tamaño», afirma o autor. Deste xeito, dálle visibilidade ao traballo construtivo do moble, que moitas veces pasa desapercibido na peza final.

Inazio Abrao explica que todas as pezas están feitas de nogueira, de aí que o título tome como referencia ás dezaseis árbores da batalla do Somme. «Todo é en base ao oficio de carpintería», asegura o autor. Estes traballos poderanse ver ata o vindeiro 21 de xaneiro no espazo cultural do aeroporto The Sky Way, que acolle tamén unha mostra de pintura da artista Carlota Pereiro e, de forma permanente, dúas maquetas de gran formato, unha da catedral de Santiago e outra da cidade no século XIII. Abrao salientou as boas condicións do espazo por luminosidade e amplitude para a mostra dos seus traballos.