O Museo do Pobo disporá de 40 pezas de roupa feminina da Fundación Rosalía

Trátase de corenta prendas do século XIX e do XX que usaban a fidalguía e a burguesía


O Museo do Pobo Galego ampliará a súa colección de indumentaria con corenta pezas de roupa feminina, datadas no século XIX e XX, procedentes da Fundación Rosalía de Castro. O director da entidade compostelá, Manuel Vilar, e o presidente da fundación padronesa, Anxo Angueira, asinaron onte o convenio de depósito de estas prendas.

A vestimenta foi elaborada, na súa meirande parte, entre 1875 e 1914, con algunha peza posterior, dos anos 30 e 50. As prendas depositadas, das que se descoñece a súa orixe, son as que empregaba a fidalguía e a burguesía. Hai chambras, corpos de traxe e chaquetas, que seguen as pautas da moda internacional, pois as mulleres destas clases sociais máis altas buscaban distinción vestindo segundo os patróns marcados desde centros europeos de moda, caso de París, segundo explican ambas entidades.

A roupa procedente da Fundación Rosalía destaca polos tecidos e adornos empregados para a súa confección. Así, explican que as pezas máis antigas están elaboradas con damascos, veludos, tules ou saténs; tecidos traídos da industria téxtil europea e feitos de fibras naturais como a la, o liño, o algodón ou a deda. Por outra parte, moita vestimenta está engalanada con agramáns de cordón e abelorios de vidro, de moda hai un século. A peza máis destacada do depósito é un corpo de traxe feminino de satén de seda, elaborado en cor verde, con adornos de tule. A cinturiña interior da peza ten bordada a marca da modista Emilia Morales, que estaba establecida no número 30 da rúa de Santo André da Coruña na década de 1870.

A Fundación Rosalía depositou estas corenta prendas no Museo do Pobo para ampliar a colección e para a súa mellor conservación.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Museo do Pobo disporá de 40 pezas de roupa feminina da Fundación Rosalía