Este ano aproveitaron a figura de Antonio Fraguas para promover roteiros por Galicia, explica a coordinadora de innovación pedagóxica de Escolas Católicas
26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.
O Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a Facultade de Xeografía e historia, o IES Rosalía de Castro e a escultura das Marías, e o Seminario de Estudos Galegos/Consello da Cultura Galega son as seis etapas que propón o Roteiro Literario por Compostela Antonio Fraguas, promovido por Escolas Católicas e editado en colaboración coa Xunta. Rosario Baleirón, coordinadora de innovación pedagóxica de Escolas galegas, entidade que agrupa a centros concertados relixiosos, afirma que «tentamos desestacionalizar as Letras Galegas, facer que sexan todo o ano, e non só para o alumnado dos centros de ensino, pois tamén teñen interese para as súas familias e para toda a sociedade. Con roteiros como este, calquera persoa que visite Santiago pode deparar con informacións que lle ofrecen un interese novo, a través da figura das Letras Galegas».
Agora traballan xa nunha nova proposta, sobre Ricardo Carvalho Calero, de quen fan tamén un roteiro. «Son dúas figuras ben diferentes, aínda que teñen puntos de confluencia, como a represión que tiveron os dous no franquismo, o seu compromiso coa cultura galega ou a súa intensa relación con Santiago», acrecenta.
No caso de Antonio Fraguas, Rosario Baleirón coordinou aínda un segundo volume, máis amplo, Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios. Neste inclúen propostas para Compostela, e tamén para Cotobade, Pontevedra, A Estrada e Lugo, outros espazos de especial interese para a biografía de Fraguas. Nese novo traballo singularizan tamén o Colexio de Fonseca, o mosteiro de San Paio de Antealtares, a Algalia de Abaixo ou o cemiterio de Boisaca, outros espazos de Santiago relacionados coa figura homenaxeada este ano. «Ofrecemos informacións prácticas e diversas para aumentar o atractivo deses espazos e monumentos, e tamén da figura das Letras Galegas. En Santiago hai moitas persoas que aínda lembran a academia privada Menéndez Pelayo, onde ensinou Fraguas, no pazo de Amarante, que ten un xardín fantástico. Fraguas parecía un personaxe árido, e cando se coñece hai moitos aspectos valiosos na súa produción e traxectoria, porque se preocupou por toda a cultura galega; a cultura era todo para el, non estaba limitada», afirma.