Variedade de ritmos para os 27 concertos composteláns da Rede de Música ao Vivo

La Voz

SANTIAGO

cedida

As citas serán en Casa das Crechas, Borriquita e Moon ata final de ano

19 sep 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago acollerá dende hoxe ata final de ano 27 concertos no marco da programación da Rede Galega de Música ao Vivo promovida pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Hai ritmos para todos os gustos: pop, rock, música de autor, flamenco, jazz... As primeiras citas serán esta mesma noite, con The Hendersons rendendo tributo a The Beatles en Borriquita de Belém (21.30 horas); e con Manuel Gutiérrez Trío presentando o seu segundo traballo, Unexpected trip, en Casa das Crechas (21.00 horas). Esta última é unha proposta fundamentalmente jazzística, aínda que tamén está aberta á interacción con outras estéticas. O álbum que soará esta noite está baseado en composicións orixinais do pianista Manuel Gutiérrez.

Borriquita de Belém é o local compostelán con máis actuacións enmarcadas na Rede Galega de Música ao Vivo ata final do ano, con un total de dez programadas; seguida de Moon Music Club, con nove; e de Casa das Crechas, con oito. Santiago e A Coruña son os únicos concellos con tres salas adheridas a esta iniciativa, na que tamén están, entre outras, A Fundación e o Pub Gatos, en Melide.

En Borriquita de Belém, despois do concerto desta noite de The Hendersons, a programación da Rede Galega de Música ao Vivo regresará en outubro con B.P.M. (día 15), Valentín Caamaño (día 24) e Paul Álvarez Project (día 29). En novembro haberá outras tres citas protagonizadas por David Lojo (día 5); Andhrea & The Black Cats (día 12) e a arzuana MJ Pérez (día 14). Xa no remate do ano, en decembro soará a música de Puerta Sur (día 3), Silvia Penide (día 12) e Vatapá (día 14). Todos os concertos son ás 21.30 horas.

Pola súa Banda, en Casa das Crechas serán dúas actuacións xa este mes enmarcadas na Rede Galega de Música ao Vivo. Marcos Teira tomará o día 26 o relevo do jazz de Manuel Gutiérrez Trío. O vindeiro mes serán dúas as citas: Clave de Fado (día 10) e Xacobe Martínez Antelo Trío (día 17). En novembro será a quenda de Marés (día 14). Xa en decembro hai tres propostas: Lulavai (día 12), Alejandro Vargas Consort e Rosa Cedrón (día 21) e Aló Django e Handle with Swing (día 19). Todas serán ás 21.00 horas.

Pola súa banda, Som do Galpom (día 11) abrirá a programación desta recta final en Moon Music Club. Seguiralle Dakidarría (día 18). Xa en novembro haberá cinco actuacións -todas elas a partir das 22.00 horas- da Rede Galega de Música ao Vivo: Spanish Castle Magic (día 15); Lesuit (día 22), The Hendersons (día 23), o trío feminino luso Anarchicks (día 22) e Greenwater (día 30). A despedida en decembro será con Igloo (día 5) e Valentín Caamaño (día 13).

O circuíto promovido pola Xunta en colaboración con vinte salas de catorce localidades conta cun orzamento de más de 170.000 euros, dos que un 90 % é asumido pola Consellería de Cultura a través da Agadic, mentres o 10 % restante corre a cargo dos locais asociados.

No último semestre do ano, a programación do circuíto da Xunta concedeulle todo o protagonismo ás bandas e intérpretes galegos, que ocupan a carteleira xunto a Anarchicks, trío feminino portugués de punk-rock. Dende xuño ata decembro, a Rede de Música ao Vivo programou 199 concertos.

Día 11 de outubro • 22.00 horas • Moon Music Club •

«Gústanos rescatar cancións pouco coñecidas dos Beatles»

21.30 horas • Borriquita de Belém • 5 euros • «Todos somos fans dos Beatles», explica o guitarrista Alberto Lopo, que xunto a Jacobo Jiménez (guitarra), Julio Llorca (baixo) e Paco Araújo (batería) conforma The Hendersons. O grupo vigués leva dende o 2011 interpretando temas dos británicos e hoxe estará en Santiago con Música ao Vivo.

-Que foi o que lles conquistou de The Beatles para renderlle tributo?

-Facemos un tributo porque nos encantan os Beatles e desfrutamos facendo a súa música. Para nós é un reto porque non é unha banda fácil de interpretar e intentamos respectar ao máximo os arranxos, as harmonías vocais...

-Por que non é doado? Inflúe que sexan tan coñecidos e o público busque ese son orixinal?

-É porque eran grandes vocalistas e teñen unhas harmonías vocais difíciles. Ademais, teñen un estilo moi particular. As súa música a nivel rítmico leva un acento moi peculiar. E, por último, os arranxos instrumentais son moi sinxelos pero con moitísimo gusto, con moitísima musicalidade. É unha banda que prima moito a musicalidade, o que a canción pide, máis que o virtuosismo. Iso é o difícil: non porque sexa complicado a nivel técnico, senón porque é peculiar tecnicamente. Ademais, é moi característico. O complicado é que soe a eles. Teñen grandes cancións.

-Por outra banda, buscan os «tesouros escondidos». Queren ir máis alá nos concertos das cancións coñecidas?

-Esa é a idea e o que intentamos. Sempre tocamos os temas máis coñecidos, aínda que sempre te deixas algún atrás e despois o público diche que falta algún. Pero o dos tesouros é porque nos gusta rescatar cancións que non son tan coñecidas, que incluso que tocaban na época de Hamburgo e que non chegaron a gravar en ningún álbum oficial. Cos tesouros referímonos a iso. A parte dos temas máis coñecidos, gústanos meter algunha destas cancións nos concertos.

-Que aporta The Hendersons a esa música de The Beatles?

-O que aportamos nós é actitude e moita enerxía. Intentamos que soe a Beatles, pero, ao mesmo tempo, non somos unha banda que nos disfracemos de Beatles ou que intentemos presentar as cancións como os Beatles, falar como os Beatles ou movernos como os Beatles. O que queremos transmitir é a súa música do xeito máis fiel posible pero da maneira que a nós nos sae de dentro. Estamos desfrutando facéndoo e queremos que a xente o note. Estamos aportando unha enerxía moi grande e unha actitude. Despois, tamén respectando os arranxos orixinais, aínda que, ás veces, tamén os adaptamos pero, sempre, ao estilo dos Beatles.