Fernando Díaz: «Aspiramos a diagnosticar antes as demencias e predicir a súa evolución»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Buscan indicadores desde o ano 2008 en persoas a partir de 50 anos, con probas psicolóxicas, de imaxe e neurolóxicas

14 sep 2019 . Actualizado a las 21:29 h.

«Estudamos o envellecemento san e o que cursa con deterioro cognitivo e que pode evolucionar para unha demencia, en particular a de tipo alzhéimer, a máis frecuente», afirma Fernando Díaz, profesor da Facultade de Psicoloxía. Coordina o grupo de Neurociencia cognitiva aplicada e psicoxerontoloxía, da USC e do IDIS, e é un dos directores do Estudo Compostela de Envellecemento. Os resultados e perspectivas deste traballo foron difundidos en Santiago, no recente congreso internacional de psicoxeriatría, como hai uns meses en Suecia e en Lisboa, e os últimos anos en diversas publicacións e encontros internacionais e de referencia.

-En que consiste ese estudo?

-Na primeira parte, entre 2008-2015, estudamos 876 persoas, que acudían a centros de saúde de Santiago e Vigo; e nunha segunda, iniciada en 2016 e que prevemos finalizar por volta de 2021, centrada só en Santiago, chegou a 325 persoas máis. Nas dúas, especialistas de atención primaria colaboraron coa nosa investigación derivando persoas a partir de 50 anos, que se queixaron na súa consulta de perda de memoria ou doutras funcións cognitivas.

-Non son moi novas con 50 anos?

-Non, porque diagnosticar o deterioro cognitivo, ou a demencia, canto antes se faga é mellor.

-Como investigan?

-Desde o inicio traballamos conxuntamente dous grupos de Psicoloxía: o de Psicoxerontoloxía, que dirixen Onésimo Juncos e Arturo Pereiro, e máis o que eu coordino. O primeiro que se fai é unha avaliación psicolóxica xeral, e outra específica con probas psicolóxicas. Iso serve para verificar se a persoa está san, se a pesar das queixas de memoria non ten deterioro, ou se ten deterioro cognitivo. Tamén estudamos os índices de actividade eléctrica con electroencefalografía e potenciais evocados.

-Que diferenza hai entre os dous estudos?

-Nesta segunda parte incorporamos estudos de resonancia magnética, estruturais e funcionais; e participa un grupo do servizo de e neuroloxía, que coordina José Manuel Aldrey, do CHUS, que fai probas de sangue e de líquido cefalorraquídeo cando está indicado, segundo as autorizacións da Comisión Ética de Investigación Clínica de Galicia. Esta parte é así máis ambiciosa.

-Cal é o obxectivo final?

-Co Estudo Compostela, que o designamos así para que se identifique con Santiago, aspiramos a diagnosticar antes as demencias e predicir a súa evolución.

-E como o conseguirán?

-Cos resultados das probas neuropsicolóxicas, electrofisiolóxicas, de neuroimaxe e neurolóxicas, traballamos para conseguir índices cognitivos, neurocognitivos, biolóxicos e outros, para caracterizar as persoas que poden chegar a presentar unha demencia, en particular o alzhéimer. Manexamos xa unha enorme cantidade de datos, que aumentarán cando se completen as tres avaliacións bianuais das persoas que estamos a investigar, e agora estamos coa segunda investigación bianual. Nun prazo de 2 a 3 anos confiamos ter resultados sólidos, que poidamos publicar e que contribúan a avanzar máis na mellora do diagnóstico temperá das demencias.

-Como son os resultados que publicaron até agora?

-Comprobamos como dentro do grupo de persoas que no primeiro control estaban sans unhas se mantiveron; outras evolucionaron para un deterioro cognitivo leve; e destas últimas, hai unhas que continuaron estables e outras evolucionan a demencia. Canto antes se detecte o deterioro cognitivo antes se poden aplicar diversas ferramentas terapéuticas, farmacolóxicas ou psicolóxicas, para mellorar a situación da persoa.

«Atrasar o inicio do alzhéimer aforrará moitos gastos e sufrimentos»

Fernando Díaz di que pretenden que haxa un seguimento adecuado das persoas que investigan, e aínda así hai algunhas que se desvincularon da investigación por diversas razón.

-É reversible a demencia?

-Cos coñecementos que temos hoxe, a demencia non é reversible. Posiblemente dentro dun tempo haxa novos descubrimentos que fagan iso posible; ou mellor aínda, que eviten que se produza a doenza. Hoxe podemos retrasar e ralentizar os síntomas.

-Que prioridades ten a investigación das demencias?

-Unha prioridade internacional é dar coas causas que producen o alzhéimer e outras demencias, para buscar fármacos adecuados.

-Non coñecen aínda as causas?

-Non se coñecen ben. Hai diferentes hipóteses, desde a década de 1980. A idea máis aceptada é que inciden varios factores, non unha única causa, que poden interaccionar; e esas interaccións non se coñecen suficientemente.

-Que destacaría dos avances?

-Un estudo moi interesante é o que evidencia como atrasar o inicio do alzhéimer aforrará moitos gastos e sufrimentos; se, cun diagnóstico precoz se atrasa o inicio entre 5 e 10 anos, haberá unha redución dun 50 % de casos. Iso suporía aforros importantes nos ámbitos sanitario e social, e evitaría sufrimentos a doentes e ás súas familias. E hai propostas de interese relacionadas coa alimentación e outras abordaxes.

-Teñen suficientes medios para investigar?

-Tivemos e temos financiamento do Ministerio de Economía e da Xunta. Tamén nos beneficiamos de participar en redes de investigación autonómicas e estatais. Porén, os recursos resultan moi limitados. Colegas do Canadá, onde agora realiza unha estada trimestral o noso colega Arturo Pereiro, para un estudo practicamente idéntico ao noso teñen un financiamento máis de dez veces superior.