María Antonieta Rodríguez-Cadarso: «O libro dixital promove no alumnado un uso novo e educativo de Internet»

O centro concertado é o primeiro da cidade que introduce este recurso na secundaria


SaNtIaGO / LA VOZ

O colexio concertado Compañía de María será o primeiro de Santiago que implante, desde o curso que comeza a próxima semana, o libro dixital na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). «Compaxinaremos ao principio o libro dixital co de papel para todo primeiro da ESO, 90 estudantes. E o centro valora ampliar o libro dixital tamén a primaria o curso próximo», afirma María Antonieta Rodríguez-Cadarso, directora pedagóxica da ESO e bacharelato do centro.

-Que lle ven de bo ao libro dixital?

-O estudantado vén con menos peso na súa mochila ao colexio, e pode usar máis recursos pedagóxicos. O libro dixital promove no alumnado un uso novo e educativo de Internet. Non só para o uso das súas redes sociais e para as súas relacións persoais de forma xeral, tamén para a aprendizaxe.

-Que recursos ofrecen?

-A Xunta oferta tres editoras e o profesorado tamén elabora un caderno de traballo co alumnado.

-Como comezan a experiencia?

-En primaria a oferta do libro dixital é para o curso completo; na ESO comezamos con 6 materias de primeiro, que son Xeografía e Historia, Relixión, Matemáticas, Lingua Galega, Lingua Castelá e Bioloxía.

-Por que esas seis materias?

-Cada centro escolle as seis que lle interesan. No noso, a proposta foi aprobada no claustro e no consello escolar. O profesorado valorou a dispoñibilidade dos departamentos para decidir as materias. Hai tamén unha coordinadora específica. Queremos aproveitar ben a oferta de recursos didácticos de Internet.

-Ve no libro dixital o futuro da educación?

-Penso que o futuro vai ser cada vez máis dixital, co avance de novas tecnoloxías. Estamos aínda nos inicios, por iso é importante non facer unha mudanza radical, senón progresivamente. Teñen que se adaptar non só o alumnado, tamén as familias.

-Como reaccionan as familias?

-Houbo reaccións dispares, unhas máis a favor que outras, con dúbidas sobre como vai utilizar o alumnado os ordenadores persoais, que levarán para a casa. Por iso convivirán materiais en papel e dixital. No centro xa temos toda a instalación feita e o profesorado está preparado para comezar cos novos materiais.

-O curso pasado iniciaron un novo modelo educativo, Signa. Como está a resultar?

-Signa pretende traballar o acompañamento individual de cada estudante, integrando e valorando a súa singularidade, creatividade e ritmo de aprendizaxe. É unha proposta educativa personalizada para formar cidadáns responsables e comprometidos coa súa contorna. Estamos implantando tamén un traballo máis cooperativo, por proxectos, que funciona ben en infantil e continúa nos restantes niveis. Este curso incorporamos o Bacharelato científico STEM e tamén lle prestamos máis atención ao ensino do inglés.

-Como melloran o inglés?

-Con seccións bilingües na ESO e con docentes nativos. E este será o segundo ano en que traballaremos co programa Erasmus Plus da UE, con centros de Francia, Alemaña e Polonia, co inglés como lingua vehicular

-En que consiste ese traballo?

-Nós escollemos 24 estudantes de terceiro de ESO, valoramos que saiban traballar en equipo, que se defendan en inglés e que sexan responsables. En novembro haberá un primeiro encontro, en Alemaña; e o curso próximo teremos tamén outro en Santiago. Traballarán sobre os movementos migratorios en Europa, a identidade cultural ou a sustentabilidade nas cidades, entre outros temas, moi interesantes.

-Teñen toda a oferta non universitaria menos FP.

-É certo, aínda que si informamos dos ciclos de FP, pola súa boa saída laboral, cada vez mellor.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

María Antonieta Rodríguez-Cadarso: «O libro dixital promove no alumnado un uso novo e educativo de Internet»