«Sería bo repensar se compensa facer esas macrocompras que xeran máis residuos»

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

09 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático acelérase falando de reciclaxe ou de economía sostible. Nótase que lle entusiasma o seu traballo.

-Sabemos que é reciclar, pero sabemos que é economía circular?

-É posible que hai uns anos non, pero agora si, e non só no mundo universitario ou no campo da investigación, senón tamén no mundo da empresa e das pemes, porque é unha alternativa viable que se empeza a explorar. Ademais, estamos a falar dun tema económico, e se ás persoas lles falas de cartos e de aforro, si que o entenden e reaccionan.

-Pero a reciclaxe en Galicia aínda non acadou cifras óptimas.

-Non somos a comunidade autónoma coa mellor taxa pero si porcentualmente a que máis medrou nos últimos anos. Fixemos un esforzo maior, aínda que queda moito por facer.

-Os mozos son conscientes dos residuos que xera a comida lixo ou as compras por Internet?

-Preocúpanos bastante. A xeración dos que temos hoxe sobre corenta anos non recibimos na escola formación medioambiental, pero tiñamos na casa o exemplo dos maiores. Hoxe os nenos teñen toda a información pero chegada unha idade, deixan de preocuparse por iso. Non sei se é porque non teñen ese referente cultural ou porque vai ligado á adolescencia. Hai un estudo moi curioso que demostra como a partir dos 20 ou os 30 anos pérdese moito a concienciación pola reciclaxe e logo, despois dos corenta, recupérase de novo.

-Baixou o consumo de bolsas de plástico desde que se cobran?

-Si, pero case tan interesante como iso é o feito de que medrou o de bolsas de plástico reutilizables, feitas de material reciclable.

-Chega outro cubo a casa, o dos residuos orgánicos, pero os pisos pequenos non dan para máis...

-Hai que adaptarse, chega con facer un pequeno oco na cociña. Depende tamén do compromiso do consumidor. Estamos en setembro e sería bo resetear a mente e repensar se compensa facer esas macrocompras no súper ou organizarse para comer máis san e xerando menos residuos. Outros países xa o fan.