Xosé Ramón Girón: «As persoas con doenza mental son moito menos perigosas que o resto»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«Hai historias de superación emocionantes», di o presidente de Feafes sobre o traballo nas asociacións do colectivo

31 ago 2019 . Actualizado a las 22:16 h.

«Vemos que traballando de xeito continuado con elas, as persoas con doenzas mentais melloran moito a súa capacidade física e de conexión co entorno. Hai historias de superación emocionantes», afirma Xosé Ramón Girón, presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes). Son 14 entidades, catro delas de Santiago, Ordes e Dodro, Barbanza, e Lalín, na área sanitaria. Mañá inauguran na biblioteca Ánxel Casal unha exposición de artistas do colectivo.

?En 2018 tiñan certificado de discapacidade por doenza mental en Galicia 60.898 persoas, case un 50 % máis que en 2014. Como se explica ese incremento?

?Porque había moitas sen clasificar ben, outras que, pola crise, pediron a valoración para que se lles recoñecese a discapacidade e poder optar a unha pensión ou outras axudas, e porque agora a consulta de saúde mental xa se ve con máis normalidade e menos medo. Aínda que pode ser que haxa máis.

?Como máis, cantas máis?

?Un estudo do profesor Raimundo Mateos, publicado polo Sergas, indica que un 46 % das persoas con doenza mental non acoden a consultas, por moitas causas; e parte delas poderían ser candidatas a ese certificado de discapacidade.

?Como é a situación do colectivo?

?Un dos problemas da doenza mental crónica, persistente, grave, é que normalmente debuta xa na adolescencia. Iso dificulta que a persoa acabe estudos e consiga un traballo, non cotizan para unha pensión, polo que acaban por conformar un colectivo pobre, moi pobre, de persoas que sobreviven con axudas públicas básicas, moitas de menos de 400 euros ao mes. A doenza mental, que provoca unha dor psíquica intensísima, é tamén unha das principais causas de exclusión social, e esa situación persiste.

?En Santiago, Feafes atende persoas en risco de exclusión social, como funciona ese servizo?

?Nese programa, en colaboración co Concello, atendemos a persoas sen teito que teñen problemas de saúde mental. Tentamos cubrir as súas necesidades máis básicas: que teñan onde comer e unha referencia estable para o aseo, para durmir, para residir. Contribuímos para que recuperen a vida, fóra da rúa. Temos a limitación de dispor só de dous pisos para 8 persoas, e actuamos sabendo a moita polémica que xerou este asunto na cidade.

?Segue a ser un problema o estigma da doenza mental?

?O estigma é un prexuízo sen razón, que motiva comportamentos inxustos da sociedade co colectivo de doentes mentais. Ten que ver sobre todo coa asociación desde certos sectores e clases dirixentes de doenza mental con perigosidade. Coñezo moitos estudos nos últimos anos e todos indican que as persoas con doenza mental son moito menos perigosas que o resto, relacionan o estigma máis coas barreiras que lles pon a sociedade para que podan facer unha vida normal.

?Feafes completa 25 anos no 2020, que prioridades teñen?

?A nosa maior prioridade é sempre eliminar as barreiras e traballar para que se adecúen as normativas para que as persoas con doenza mental normalicen a súa vida. Somos unha organización de servizos, xestionamos centros de rehabilitación, residencias, pisos tutelados e outros recursos. E para nós é vital o concerto co Sergas. Negociamos un novo desde finais do 2017 e, se non se desbloquea este ano, estará ameazado parte do noso persoal e dos servizos que ofrecemos.

?Como é a atención á saúde mental na sanidade pública?

?A primeira valoración do malestar psíquico case sempre se fai en atención primaria, é importante que se faga ben e en tempo e facilitar o acceso ás unidades de saúde mental. Os últimos anos aumentou moito a demanda e iso pode condicionar a atención das persoas máis graves. É imprescindible aumentar o persoal e os recursos asistenciais na sanidade pública.

?Que perspectivas ten unha persoa con doenza mental crónica?

?Con traballo, poden recobrar autonomía económica, persoal, laboral e social. Estamos en contra da excesiva medicalización do malestar psíquico na sociedade actual, hai moitos casos que posiblemente nunca deberan chegar ás consultas de saúde mental e que restan recursos para tratar ben as doenzas mentais graves.

?Feafes propuxo colaborar coa Fundación Pública Galega para la Tutela de Persoas Adultas (Funga). Avanzaron niso?

?A Funga foi deseñada para tutelar persoas que perden dereitos por orde xudicial e retornan a unha situación semellante a antes dos 18 anos. A Funga non ten persoal nin financiamento suficientes; por iso non cumpre ben a súa función. Desde Feafes propomos colaborar para garantir mellores dereitos para as persoas tuteladas do noso colectivo, e niso non avanzamos aínda.