Rosa Méndez: «Fraguas deu pé neste ano a moitos e moi diversos produtos culturais»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Nos próximos meses aínda sairán máis e a mostra que lle dedican conclúe en decembro

29 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Supoño que un elevado número de docentes coñeceron persoalmente a Antonio Fraguas e iso influíu no moito que se traballou sobre el por lle ter dedicado o Día das Letras Galegas. Houbo moitas publicacións novas e reedicións. E o que me chamou máis a atención é que deu pé neste ano a moitos e moi diversos produtos culturais: para facer un conto, crear unha historia, falar da música e moitas outras propostas», indica Rosa Méndez, bibliotecaria do Museo do Pobo Galego. Esta institución, da que Fraguas foi impulsor e dirixente, tamén lle dedica unha exposición, en dúas salas, que abriu en maio e permanece até o 28 de decembro, día do 114 aniversario do seu nacemento. «Xa organizamos unha grande exposición no ano 2005, polo seu centenario, e esta consta de dúas partes, sobre a súa traxectoria vital e sobre a súa produción», acrecenta Rosa.

Entre os moitos produtos a que deu pé Fraguas están, alén de libros e revistas, bolsas para a compra, banda deseñada, cedés, materiais elaborados por persoas xordas e outros. «Todos os que nos chegaron teñen un espazo na exposición. Sabemos de algúns máis, polos que estamos a esperar, e outros que se están a elaborar, mesmo por investigadores que se documentan nos fondos de que dispomos no Museo, que son moi importantes para coñecer ben a súa figura. Tamén houbo moitos cartaces, que non expomos porque non nos chega o espazo para tanto», manifesta.

Rosa salienta a «moita participación» que suscitou unha persoa tan valiosa para a cultura galega como é Fraguas. «Aquí temos varios volumes colectivos. Hai, por suposto, as publicacións que lle dedicamos no Museo do Pobo Galego, e o Consorcio de Santiago, a USC, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Granell, deputacións, concellos, centros de ensino, varias editoras, revistas, entidades culturais e outras. Sobre todo a maioría das institucións de Santiago colaboraron moito», destaca.

Esa pluralidade evidencia o consenso sobre este ilustre intelectual e a súa estreita relación co Museo do Pobo Galego, «e por iso este ano traballamos tamén moito para responder as demandas que nos facían persoas e entidades», di. Agora confían que nos próximos meses visiten a exposición grupos escolares «porque en maio, cando se inaugurou, era unha data moi próxima ao final de curso e iso non favoreceu que viñesen. É unha exposición moi valiosa para os centros de ensino», indica Rosa Méndez.

Nunha sala resaltan «as principais dedicacións de Fraguas: os inicios na arqueoloxía, con Cuevillas ou Bouza; o etnógrafo; o divulgador, tamén na comunicación social; e o xeógrafo e historiador, co estudo que lle dedicou ao Colexio de Fonseca ou a súa referencial Geografía de Galicia».

Outra sala esclarece as principais etapas da súa biografía: Cotobade (1905-1919), Pontevedra (1919-1924), o primeiro período en Santiago, de formación (1924-1933), A Estrada (1933-1936), de novo Compostela (1936-1950), Lugo (1950-1959) e a etapa final en Santiago, até a morte (1959-1999), con especial referencia nesta última á súa destacada participación no Museo do Pobo Galego. «Aquí conservamos a súa biblioteca e o seu arquivo, que doou. Por iso expomos fondos persoais procedentes do arquivo: carnés, notas, programas, títulos, as etapas escolar e no Exército; documentamos a súa relación con Castelao, a quen substituíu na Real Academia Galega; ou unha sociedade da lingua que promoveu con amizades. E tamén informamos de cartas... Ben se ve como sempre usou o galego, excepto entre 1936 e 1950 pola situación política», afirma Rosa Méndez.