«Marcoume o grande movemento político que había na rúa e as mobilizacións»

La Voz

SANTIAGO

05 ago 2019 . Actualizado a las 11:15 h.

Lois Lópes foi veciño de Casas Novas, xusto ao lado de onde vive hoxe o Presidente da Xunta, e de Sar. Era, e é, desa xente que todo o barrio coñece e dos que se implican nas asociacións. «Sempre me integrei alí onde vivín. Son máis de saír á rúa que de quedar en casa. O sofá rómpeme o lombo», espeta en ton cómico este hostaleiro e militante do BNG, que atopou o amor no contexto da política e chegou a ser responsable de organización local no Concello de Santiago entre 2006 e 2011.

Se algo o marcou en Compostela foi «o grande movemento político que había na rúa. Houbo épocas de moita mobilización social, un movemento do que teño participado moito e participo». Se tivera na súa man cambiar algo nesta cidade sería asegurarse «que non se nos vaia das mans o tema do turismo. É unha cuestión de promoción, e de a quen vai enfocado. Sería bo explorar outros camiños, coma o turismo cultural».

Os comezos na Nave de Vidán foron «un reto, durísimo, pillounos en plena crise. Cando empezamos co proxecto non había uns signos tan graves como os que viñeron e, a cada paso que iamos dando, entendiamos que retroceder era perder xa a inversión. Foi moi duro. Era un monstro, de mil metros, cunha determinada filosofía que non é a máis rendible a curto prazo, senón a medio e largo prazo, o que creou serias dificultadas das que estamos saíndo», conta o empresario.

Futboleiro e deportivista declarado, Lois é un home comprometido co deporte local (dende co Futsal, Compos e Obra ata co Hockey Club Raxoi), aínda que non o practica. «Considero pouco elegante facer exercicio físico», solta nese rexistro típico del, no que parece falar en serio mentres esboza un sorriso entre as barbas.