O apartheid tecnolóxico da cidade histórica

Roberto Almuíña PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS FONSECA

SANTIAGO

04 ago 2019 . Actualizado a las 10:51 h.

Na cidade histórica de Santiago, teñen fibra óptica, a Xunta, o Concello, a Universidade, Correos, a Policía Nacional..., é dicir, as «institucións» e algunhas empresas, e carecen dela veciños, despachos profesionais, o comercio, hoteis, e residencias de estudantes..., o que en palabras do grupo socialista do Concello condena aos veciños ao «apartheid tecnolóxico» e pronto estaremos condenados ao «apartheid no eido da saúde» porque as nosas vivendas non contan con fibra óptica.

Pero a fibra óptica témola á porta das nosas casas: ergan as tapas das arquetas de Fenosa, algún veciño pode tocala dende a súa fiestra, e outras veciñas xa o teñen no seu portal.

Na Porta da Pena e en San Miguel, en pleno ámbito do Plan Especial 1, desfrutan dende hai dous anos de fibra óptica nas súas casas e negocios, diminuíndo de xeito sensible os cables nas súas fachadas.

Os veciños da rúa de San Francisco, e mesmo o arquivo da Catedral, a pesares dos titulares da prensa de hai un ano -«El Consorcio asume el plan piloto para introducir la fibra óptica en la zona vieja»-, seguido de outros -«Noriega espera que para fin de año ya se pueda ver el ejemplo de la rúa San Francisco»-, continúan agardando porque ninguén é capaz de concretar uns «problemas xurídicos» que non apareceron na Porta da Pena.

O problema non é novo: o Consorcio licitou no ano 2005, por 400.000 euros, a redacción dun «Estudo para a eliminación do cableado aéreo e por fachada do casco histórico de Santiago tanto nos seus aspectos técnicos coma urbanísticos», con prazo de execución de oito meses. Tras sucesivos retrasos, no 2011 presentouse coma proxecto de renovación e dotación de servizos complementares, que polo seu presuposto de 110 millóns de euros, caeu no caixón dos farrapos no mesmo acto.

Chegados a este punto, o luns día 22 de xullo pasado, presentouse no Museo das Peregrinacións un catálogo de solucións para facilitar a extensión da fibra nos cascos históricos, en cuxa redacción participan Amtega, Retegal, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e colaboran o Concello e o Consorcio de Santiago, pero que non revisa os artigos 53 e 183 do Plan Especial 1, que logo de vinte anos non serviron para soterrar nin un só cable e si para manter o «apartheid tecnolóxico» da cidade histórica.

Tampouco é realista ligar a extensión da rede de fibra óptica, á renovación da rede de abastecemento de augas, cando todo o mundo sabe o que pasou co proxecto presentado no 2011. E chama a atención que non se faga unha revisión técnica das alternativas de redes sen cable 4G e 5G, a primeira das cales xa dá servizo a algúns hoteis da cidade histórica.

As compañías de telecomunicacións, invitadas falaron do ben que cooperan, da necesaria rendibilidade do servizo e do alto custe de tender fibra óptica nos cascos históricos, pero nin palabra sobre as axudas do Goberno de España para proxectos de extensión de banda ancha, que no caso de Galicia ascende a máis de 39 millóns de euros en subvencións de até o 80 % do custe.

O problema é complexo, pero para saír do bucle e atopar a solución, pide coñecer onde se atopan os atrancos e capacidade de xestión, porque ás compañías telefónicas hai que pedirlles que manifesten o seu interese, e marcar prazos concretos de presentación das súas ofertas para participar na extensión da fibra óptica, na convocatoria de axudas do ano 2020.