-Entón, aquí fabrican desempregados?
-Acontece que a formación de Bioloxía é moi transversal e acaban por ter emprego. O nivel formativo de grao, mestrado e doutoramento está moi relacionado coa inserción laboral. Fixemos estudos e comprobamos como o 100 % dos doutores en Bioloxía da USC traballan, aínda que algúns están nos Estados Unidos, o Xapón ou Alemaña.
-Como ve o futuro de Bioloxía?
-Defendo hai moito tempo que no sistema universitario galego debería haber unha especialización en bioloxía ambiental e en bioloxía sanitaria, que funcionan ben noutras universidades. Non sei se eu o verei, aínda que traballarei para deixar a semente e que así aconteza no futuro.
«Non previamos ser un dos cinco primeiros centros da Universidade con selo de calidade»
Tras estes catro anos máis de mandato, Antonio Segura afirma que querería ser lembrado «por consolidar o grao de biotecnoloxía e por implantar un dobre grao de biotecnoloxía e farmacia».
-Como foi o primeiro mandato?
-Nas grandes liñas finalizamos o plan estratéxico 2017-2020. Está pendente a adaptación da memoria do grao ás novas demandas da sociedade; fixemos unha proposta de modernización, despois de 10 anos de implantado o grao, desde o 2009, que está pendente da Comisión de Titulacións e do Consello de Goberno da USC; e da Axencia de Calidade do Sistema Universitario e da Xunta. Non esperamos problemas e confiamos comezar co novo grao no curso 2020-21. E destacaría que non previamos ser un dos cinco primeiros centros da USC con selo de calidade, que conseguimos, e iso é tamén moi importante.
-Para que vale esa calidade?
-Significa que o alumnado vai ter garantía de que hai uns procedementos de docencia que garanten que vai finalizar a carreira cunha determinada formación.
-Como é a relación da Facultade con empresas?
-Niso temos moito que facer, aínda que cada vez enviamos máis alumnado para facer prácticas en empresas privadas; e tamén en públicas, como no Concello de Santiago ou no Sergas.
-Ten moito abandono a carreira?
-Na graduación deste curso, o 19 de xullo, estarán 98 estudantes. Hai anos eramos unha titulación ponte para alumnado que non entraba en Medicina, Fisioterapia, Enfermaría ou Farmacia, cun abandono do 20 %, ou mesmo máis. Os últimos anos escolle Bioloxía como primeira opción por volta dun 85 % do alumnado que pide entrar na carreira. E o abandono diminúe, xa é dun 15 %. Aínda é máis elevado que noutras facultades de Bioloxía; debemos mellorar máis e estamos niso.