Diego Viaño: «O don de xentes abre moitas portas»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

Conta que en Compostela descubriu novas realidades que lle axudaron a madurar

08 jul 2019 . Actualizado a las 11:34 h.

Nome. Diego Viaño Moure.

Profesión. Xornalista e meteorólogo.

Rincón elixido. O instituto Eduardo Pondal, «porque foi o meu primeiro contacto con Santiago, clave no meu proceso de madurez».

Aínda que leva 18 anos saíndo na pequena pantalla, Diego Viaño non naceu na televisión senón en Ames. Xa se lle daba ben a redacción, as linguas e as artes escénicas no colexio, onde foi un alumno destacado, aínda que de neno pensaba que acabaría sendo empresario, como o seu avó, fundador de Ternera Gallega e de Feiraco. Voltas da vida, acabou facendo Relacións Laborais e obtendo un dos mellores expedientes da súa promoción, o que lle abriu as portas á licenciatura de Xornalismo. Xa apuntaba maneiras de cativo e, recoñece, «o don de xentes abre moitas portas»; aínda que de pouco lle serviu a el para dar o salto á información meteorolóxica, un mundo que descoñecía por completo antes de converterse no home do tempo, ese chamán moderno ao que tanta xente segue a diario para decidir dende que roupa se pon ata cando cultivar as terras.

Aínda que amiense, Viaño séntese en gran parte santiagués, pois esta vinculado á cidade dende moi novo, cando chegou ás aulas do IES Eduardo Pondal en plena puberdade. Foi «a revolución do instituto, onde baixaron as notas e fixen amigos cos que aínda hoxe manteño a relación, como Marcos (Pijo) ou Pablito». Daquela xa era un rapaz bromista, unha faceta que sofren a cotío os que o rodean e na que se ten convertido en todo un mestre, do que poden dar boa conta os seus compañeiros de clase. Entre eles, a actriz Cristina Castaño. Conta que naquel tempo tivo unha profesora que o marcou, Anxos. Ensinaba galego, unha lingua que acabaría sendo «moi importante para min e permitiume levar a vida que levo», sinala o meteorólogo, que recoñece que se lle escapa un sorriso cómplice cando se cruza pola rúa con xente falando neste idioma.

Os anos de instituto «foron claves no meu proceso de madurez», indica Diego Viaño, ao tempo que explica que ao chegar a Compostela descubriu outras realidades coas que nunca se atopara naquel «micromundo» onde se movía ata daquela, o que lle serviu para ampliar miras. Tamén o deporte tivo unha fonda pegada nel. Enrolado dende os 11 anos ao club de piragüismo Ribeiras do Tambre, «xa forma parte da miña esencia».

Inicios na radio de Negreira

A aterraxe no mundo laboral non foi moi accidentada para Viaño. «Tiven moita sorte. Fixen as miñas primeiras prácticas en Radio Negreira, con Emilio Forján, e deume moita confianza. En cuarto curso, deu o salto da radio á televisión, cando o chamaron da TVG para dicirlle que pasara as probas. «Véndoo con perspectiva, o cambio foi un acerto», sostén. Empezou en deportes, pasou por informativos e acabou como o home do tempo. «Podo dicir que son o único xornalista da casa que fixo o triplete, ¡nin Galloso!», bromea.

Confesa que se sentiu por primeira vez un profesional no 2010, cando foi cubrir unha exposición en París sobre o Camiño e se atopou cun atentado de ETA preto de alí. O idioma non supuxo un problema e facendo uso dese don de xentes que o caracteriza acabou gañándose a confianza dos medios locais e saíndo airoso nos directos para as televisións autonómicas de media España.

Non sería este o último reto que viría. O de informar do tempo tamén foi a salto de mata. «Estivemos mes e medio formándonos en física e meteoroloxía, en xornadas intensivas. Os comezos foron duros e, se tes un mal día, o estado de ánimo inflúe moito no teu traballo». Ten que defender en só uns minutos moitas horas de produción previa: «Nós facemos todo, dende os mapas, ás publicacións nas redes sociais ata seleccionar as fotos e mensaxes que nos mandan, e son 300 ao día».

Viaño asegura que aínda o seguen comparando con outro compostelán, Santiago Pemán, mesmo o teñen emparentado con el. Malia estar condenados a vivir baixo a súa sombra en Galicia, cre que o bo dos meteorólogos é que non hai competencia entre eles, pois as predicións que fan son -salvo pequeneces- as mesmas. «A peor época do ano para nós é a Semana Santa. Temos moita responsabilidade enriba coas procesións, pendentes de se choverá ou non». Para el é importante tamén transmitir os efectos do cambio climático: «Cando morren persoas por un golpe de calor é síntoma de que é un problema real».

«Ás veces teño a sensación de que esta é unha cidade de turistas e xa non da xente de aquí»

Diego Viaño atopouse ao chegar co Santiago de finais dos 80 e viviu de pleno a época universitaria no apoxeo da movida nocturna dos 90, cando gardaba un parecido moi considerable con Figo, o xogador do Barça na época candente na que fichou polo Madrid. Vivindo na casa cos pais, «non era dos que máis saían tampouco», asegura. E agora, coa perspectiva dun pai de 42 anos, bota a vista atrás e recorda con cariño aquel Ensanche que serviu de pano de fondo para tantos recordos.

«Está claro que o turismo é un dos motores da cidade, pero ás veces teño a sensación de que Santiago é unha cidade de turistas e xa non tanto da xente de aquí», lamenta. Aínda que ultimamente fai máis vida en Bertamiráns (Ames), onde reside, explica Viaño que «unha das miñas maiores afeccións é pasear, e non sei se polo meu traballo ou por que, cando vou por aí fóra gústame observar. Teño esta costume, que ao mellor é unha estupidez, de fixarme se a xente coa que me cruzo polas rúas fala galego e non sempre é doado atopar a alguén que o faga. É certo que os turistas enriquecen o casco antigo pola súa diversidade, pero ás veces da a sensación de que só hai persoas que son de fóra e é unha magoa».

Tamén hai aspectos positivos nos que gañou a cidade nos últimos trinta anos, considera. «Teño o recordo, sobre todo no Ensanche, dunha cidade que empezaba a estar como vella. Xa había moitos edificios antigos e agora estase traballando, evidentemente son outros tempos tamén, para facer unha cidade pensada máis para camiñala. É certo que moitas veces é un encordio o das rúas peonís, pero unha vez que aparcaches o coche, como puideses, valóralo un montón».