Francisco Díaz-Fierros: «A dedicación da universidade aos problemas do país era maior antes»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Ía para boticario pero ao acabar Farmacia pensou que tiña que facer algo por Galicia

17 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nome. Francisco Díaz-Fierros Viqueira naceu en Vilagarcía en 1941 pero aos poucos meses marchou a Ribadeo. Desde os 17 vive en Santiago.

Profesión. Catedrático de edafoloxía.

Rincón elixido. O colexio de Fonseca, onde estudou a carreira e mesmo comezou a súa traxectoria profesional.

O seu falar calmo e o sorriso presto destilan bonhomía. Compostelán de adopción, aquí chegou aos 17 para estudar o preuniversitario, no instituto Xelmírez, que estaba en Mazarelos. Despois fixo Farmacia, daquela aínda no colexio de Fonseca. E aquí quedou «para o resto da miña vida». En Compostela fixo as cousas máis importantes, «coñecín á miña muller, casei, tiven dous fillos, e toda a miña vida profesional e cultural estivo vinculada a Santiago», di Francisco Díaz-Fierros.

Vén dunha saga de farmacéuticos de botica. O primeiro o seu avó, despois o seu pai, e ata el comezou ben, estudando a carreira de Farmacia, «estaba un pouco predestinado aínda que sempre tes dúbidas, gustábame bastante pintar e pensei en ser arquitecto, pero foi unha nube de verán», admite rindo. Eran finais dos 50 e primeiros dos 60. A universidade era a única empresa da cidade. Había uns catro mil universitarios e coñecíanse todos. Mesmo aos catedráticos doutras facultades, «era unha gran familia non so reducida á facultade senón a toda a universidade».

O resto de Santiago aínda era unha aldea. A feira de Santa Susana partía a semana en dous. Lembra unha anécdota moi descritiva daquela cidade, «ía cun amigo pola rúa Bautizados e díxome: pero quen me está empurrando?». Cando se volveron, era unha vaca quen empurraba. Eran anos nos que moitos universitarios se quedaban en pensións. Tamén os colexios maiores tiñan moita importancia, ata o punto de que o máis novidoso da vida cultural estaba nestes centros. En canto ás ideas políticas, faltaban anos de ditadura, así que «sabías os límites, ata onde podías moverte», conta. Aínda así, no Servicio Universitario del Trabajo, pese a ser do Réxime, a xente empezaba a ter ideas propias sobre cuestións sociais «podías expresar mesmo ideas marxistas sen que fora dunha maneira explícita».

Pero que foi da botica Díaz-Fierros? Ao final, Francisco non seguiu a tradición. Rematada a carreira pensou que había que facer algo por Galicia. «Entón esa idea era moi normal», di. Estudando Farmacia, traballar no eido da agricultura permitía facer unha contribución ao país, polo que se dedicou aos solos de Galicia. Neste punto reflexiona sobre o papel da universidade. «Adiantouse moito cientificamente, pero a dedicación da universidade aos problemas do país creo que era maior e había máis preocupación na miña época que agora». Hoxe importa a excelencia, os máximos parámetros internacionais, «pero a nivel horizontal, preocuparse de por o coñecemento para solucionar os problemas do país, niso foise perdendo claramente».

Os solos de Galicia foron a súa especialidade. Este experto introduciu mesmo a palabra no dicionario. «O hipergaleguismo quería que se lle chamase chan, pero aquilo non me acababa de encaixar», conta. Chan é o que pisas, pero o volume de terra é solo. Así que falou con Antón Santamarina e explicoulle o seu razoamento, «e fixemos un traballo que se publicou na revista Braña, que xa desapareceu». Os seus estudos seguen a ser un referente na edafoloxía. E ese grupo de investigadores marcaron un antes e un despois, «no seu momento tiñamos a nosa personalidade dentro dos edafólogos de España», conta Díaz-Fierros.

Os traballos deste catedrático seguen vixentes décadas despois da súa publicación. Sorprendeuse cando descubriu que un mapa de solos que fixera a principios dos 80, sobre a capacidade produtiva de Galicia, segue a utilizarse hoxe en día mesmo no catastro. E como son os solos de Galicia? Pois non tan bos como cre a poboación. «De boa calidade hai un 7 %, hai unha imaxe de que en Galicia pode medrar calquera cousa, e grazas ao clima faino bastante ben, pero o que propiamente a calidade do solo é bastante limitada», apunta este intelectual galeguista.