Xosé Sánchez Bugallo: «O reto da cidade é ampliar a base económica e reter as novas xeracións»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«Os cidadáns, o que nos piden e que traballemos para resolver os seus problemas», afirma o novo rexedor

16 jun 2019 . Actualizado a las 13:42 h.

Compromiso. Coa cidade. E corresponsabilidade da corporación. Iso é o que ofreceu e demandou onte Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) na súa volta á alcaldía, cun goberno en solitario e en minoría que lle obrigará a moverse entre dúas augas, cando menos mentres sexa factible: o tempo dirá «se é posible avanzar todos ou é necesario avanzar por un só lado». Inicialmente non fai, apunta, «exclusión» para o proxecto transversal que reclama para Santiago.

Transversal porque debe atender os retos á marxe de quen goberne: «O peor do que pasou no 2011 foi que entrara un goberno decidido a destruír toda a obra do anterior; iso foi unha traxedia». Pero a Compostela ábreselle agora máis dunha década (cos anos santos 2021, 2027 e 2032) con «moitas oportunidades» e hai que «reflexionar as cuestións estratéxicas da cidade». Entre elas, a industria, o comercio e o turismo, di.

-Botaba de menos as vistas da alcaldía?

-Esta praza é marabillosa, e disfrutei dela case todos os días nestes oito anos. Pero volvinme presentar porque me doía ver a situación na que estaba Santiago. Fun chamado e pareceume que non podía negarme a dar ese paso, aínda que a miña familia pelexou para que non o fixera. Agora están contentos, ou resignados, non sei.

-Non cre niso de que segundas partes nunca son boas?

-Non. Hai moitos casos nos que as primeiras son nefastas, e algún exemplo tivemos nestes últimos anos. E as segundas poden ser iguais ou mellores, pero o que me preocupa é Santiago, que non perda este mandato. Todo o que poidamos facer para que iso saia será estupendo.

-O escenario é máis complexo que nos seus outros gobernos.

-Máis complexo e nada doado. E no fondo todo isto vai depender do sentido da responsabilidade e corresponsabilidade que esteamos dispostos a aceptar todos, de ver de traballar polo conxunto dos cidadáns ou se lle damos prioridade a outro tipo de intereses e aspiracións, que poden ser lexítimas, pero que creo que non é o que os cidadáns nos piden e esperan de nós. O que nos piden é que traballemos para resolver os seus problemas.

-Iso dependerá tamén da súa capacidade de diálogo.

-O goberno vai ter unha gran capacidade de diálogo. E asumimos que vai haber que facer moitas cesións, pero todos temos que estar dispostos e buscar o máximo denominador común. Todos temos que ter posición de xenerosidade e de servizo á cidade. Se iso non o hai, quen vai sufrir as consecuencias é a cidade. Non será só un fracaso do goberno ou da corporación, será un fracaso da cidade. Conto con que a propia sociedade civil asuma un gran protagonismo nesta nova etapa e iso vai dificultar moito as actitudes egoístas. Todos imos estar en observación permanente.

-Logo das conversas cos voceiros, ve mimbres para acordos?

-O tempo nolo dirá. Vexo expectativas. Pero os mimbres non os vexo tanto aí como na campaña electoral. Todos nos comprometemos coas asociacións do rural, coa cidade histórica... Pois agora trátase de ser capaces de traballar conxuntamente polo menos nos elementos esenciais. Por exemplo, nós non temos ningún criterio oposto a revisar o Plan Especial, pero temos que poñernos de acordo no que queremos facer. Non se trata de subirse ao barco sen saber a onde queremos ir ou que barco precisamos.

-Di que as oportunidades hai que crealas. Cal é a primeira?

-A primeira non, eu dígolle a máis importante. Temos que ampliar a nosa base económica, ser quen de ofrecer un futuro ás novas xeracións en Santiago. Ese é o reto da cidade. Non é posible que formemos, e ben, a xeracións de xoves e que o 90 % teña que marchar fóra. Por iso falo de hub tecnolóxico, de biomedicina e de cultura, da cultura tamén como actividade económica. Probablemente teñamos que crear un centro que forme en programación cultural.

«Creo que o BNG se equivoca ao non entrar no goberno»

Bugallo non oculta que un goberno de 10 edís será un equipo «moi cargado». Non o sería tanto, asume, de terse integrado o BNG, unha posibilidade que non dá por pechada, como tampouco a de acabar conformando un bloque de esquerdas no que entre CA. Agora non o ve, nin cre que o vexa a cidade, pero «pode ser unha solución necesaria».

-Non renuncia a integrar ao BNG?

-Creo que están equivocados nesa decisión. Creo que é un erro político tamén e que estarían en mellores condicións de formular as cousas que lles preocupan a través da participación activa, pero respecto a súa decisión. E non renuncio a que máis adiante estes temas se poidan falar de novo, nin sequera á posibilidade de que nun momento dado se poida formular a incorporación de CA, pero o que si me gustaría é que sexamos capaces de definir un proxecto transversal para a cidade. Iso é o que lle dá continuidade goberne quen goberne.

-Tivo contacto xa coa Xunta sobre o vial Clara Campoamor?

-Non. Teño reunión para a semana co equipo que redactou o proxecto e vanme presentar as alternativas que tiñan elaboradas. E quero un anteproxecto da entrada do Castiñeiriño, para decidir en coherencia co que se fará alí.

-Pero aí non apreman os prazos como nos accesos á estación.

-Se levan dous anos enredando con este tema, a min teranme que permitir un mes ou dous para tomar esa decisión. En todo caso o obxectivo é que a obra estea feita en agosto do ano que vén.

-E con Madrid, pola depuradora?

-Xa lle dixen ao secretario de Estado de Medio Ambiente que irei en canto el tome posesión. Quero unha decisión urxente. Asumo que terá que ser en Silvouta: calquera outra posibilidade nos coloca nun escenario inviable cos prazos. O que non podo dicir agora é cal será a tecnoloxía e o procedemento ambiental. Espero que sexa o simplificado.

-Se é o normal se irá de prazo. Quen asumiría a financiación aí?

-Por ese tema nos mataremos. Entendo que o Estado ten unha responsabilidade enorme no que pasou. Os sucesivos alcaldes tamén a súa, pero esta é unha infraestrutura de interese xeral do Estado. Estou seguro de que se o Concello se houbera oposto ao plan director do aeroporto non lle terían feito caso. Aquí si.

-Intermodal?

-Falarei con ADIF e ver o que podemos salvar, porque hai obra aí de 20 millóns operativa desde marzo, pero hai que ver como resolvemos as principais carencias.

«O ano santo será un éxito; temos experiencia e sabemos o que hai que facer»

O novo rexedor xa sabe o que é organizar un ano santo, e aínda que o vindeiro está moi próximo (2021) non dubida de que será un éxito. A súa primeira iniciativa na alcaldía será constituír a comisión local para esa cita, dicía onte, logo dunha toma de posesión na que se emocionou como nunca. Nesta ocasión «sentíame máis cidadán Bugallo». Quizais o efecto de tomar distancia institucional, de «falar con tanta xente» e de «comprobar que «segues vivo na memoria colectiva da xente logo de oito anos».

-Quero ter a comisión do ano santo constituída este mes. Farémoslle fronte e será un éxito. Non teño dúbida. Temos moita experiencia e sabemos o que hai que facer, pero temos que poñernos con celeridade porque hai temas que van depender do Concello: acollida, limpeza, seguridade...

-Iso require un persoal do que a Administración anda escasa.

-Escasísima, non escasa. Ata é probable que a cidade chegue ao 2021 con menos persoal na Policía Local e nos bombeiros que no Xacobeo de 1993, xa non falo do do 2010. Precísanse recursos humanos e imos explorar todas as vías que se nos ofrezan, e aplicar as novas tecnoloxías. Iso require fondos e veremos a colaboración coas outras Administracións. Pode saír ben coa máis absoluta lealdade institucional. E hai que contar tamén coa Igrexa.

-Para cando o Real Padroado?

-Gustaríame que cara a finais de ano. Antes non conto, porque hai que definir moitos temas. O plan Compostela 2021-27, para aforrar tempo, se a Xunta o acepta dareino por válido, pero gustaríame definir un plan 2021-2032. E hai que reiniciar xestións con Madrid porque non me consta que se lle dera conformidade ao plan.