Manuel Mirás, alcalde de Oroso: «Quedamos a sete votos de revalidar a maioría absoluta»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

O rexedor socialista confirma negociacións co BNG, siglas coas que agarda pechar un pacto de goberno

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Mirás mantense de xeito ininterrompido na alcaldía de Oroso desde o ano 2002, gobernando cunha maioría absoluta no último mandato que vén de perder, volvendo ao escenario político do 2007, no que pechou un pacto de goberno cun único representante do BNG, unha fórmula que agarda repetir ata o 2023.

-O PSOE conseguiu un resultado histórico en Galicia, pero en Oroso perdeu un concelleiro e a maioría absoluta. Que pasou?

-Foron unhas eleccións moi competidas con cinco partidos. Nós acadamos máis dun 44 % dos votos emitidos. E recordo que hai catro anos, cunha porcentaxe moi similar, conseguimos a maioría absoluta. Nesta ocasión estivemos moi cerquiña, xa que quedamos a sete votos de poder revalidala. Creo que o que nos prexudicou é que se presentasen tantos partidos. Penso que a nova lista foi a que deu a sorpresa.

-A acta do BNG daríalles a acta que lles falta. Hai negociacións nese sentido?

-Xa mantivemos xuntanzas. Estamos pendentes de pechar un principio de acordo, non total, que terán que ratificar as asembleas dos dous partidos. E despois acadar a un acordo definitivo. Teño que dicir que as conversas van por bo camiño e agardamos pechalo a semana que vén. Traballamos pensando nun goberno bipartito tendo unha participación proporcional ao resultado das eleccións.

-No vindeiro mandato estréase Oroso Renovable. Que pensa que pode aportar un novo partido con persoas que nunca estiveran na corporación?

-Que haxa xente nova que se interese pola política sempre é interesante, unha boa nova porque sobre a política xira todo. Pero tamén teño que dicir que na nosa candidatura temos xente nova que vai facer moito e vai ter moito que dicir no futuro.

-E o Partido Popular? Creceu en votos facendo unha dura oposición...

-O que fixo o PP non foi unha oposición dura. Intentou embarrar o campo e xudicializar a vida política. Agardo que se aveña ao debate para falar de cousas importantes. Pero nestes catro anos o PP de Oroso non fixo ningún xesto para que a Xunta investira un só céntimo no concello.

-Cales son as prioridades para os vindeiros anos?

-De xeito inmediato temos que rematar a ampliación da biblioteca e a construción do auditorio. Outra necesidade imperiosa é a ampliación da escola infantil municipal e rematar o novo campo de fútbol da Penela. Estamos de celebración porque o equipo vén de ascender a Preferente e necesita un campo en condicións, e no de Sigüeiro tamén cómpre céspede novo. Falo moito de equipamentos deportivos porque en Oroso temos unhas 1.500 persoas practicando deportes. E non podemos esquecer os núcleos aos que ten que chegar o ciclo da auga. E tamén necesitamos un consistorio novo porque temos espalladas moitas oficinas por Sigüeiro. Hai que traballar para conseguir un centro de día e ampliar o polígono industrial San Martiño II. Queremos facelo en tres fases porque hai empresas interesadas en instalarse nel. E tamén traballaremos na climatización da piscina.