José Ángel Penas, alcalde electo de Toques: «Agora contamos cun maior respaldo veciñal»

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Natalia noguerol

O candidato do BNG quere volver gobernar co PSdeG, pero sen compartir a alcaldía, xa que a súa é a primeira forza

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con José Ángel Penas ao fronte, o BNG adiantou como forza maioritaria ao Partido Popular en Toques, que chegou a ser o concello con, proporcionalmente, máis votantes conservadores. Nas municipais do 26 de maio, o Bloque fíxose con 4 actas, fronte a 3 do PP e 2 do PSdeG.

-Dobraron a representación. Agardaban o resultado??

-A verdade é que logo de catro anos de cogoberno, sabiamos que iamos subir, aínda que non canto. Barallamos unha subida a tres, logo a catro, e, incluso nalgún momento, barallamos a posibilidade de chegar á maioría. E por pouco non a conseguimos.

-Rendibilizou mellor vostede o paso pola alcaldía que o PSdeG, pese a que ocupou o cargo na primeira metade do mandato...

-Non é unha cuestión de rendibilizar, senón de gobernar e de estar á altura dos problemas veciñais. Non fun alcalde o último ano e medio, pero sempre estiven ao pé da xente para seguir axudando a resolver problemas.

-Distinguiuse en algo a súa xestión da do seu socio de goberno?

-Non é unha cuestión de diferenciar a xestión de un e outro; eu non son quen de valorar a xestión socialista. O que si podo valorar é a miña, e tomei moitas decisións e fixen moitos cambios ao comezo do mandato que deron moitos froitos.

-Gobernará en minoría ou reeditarán o pacto progresista?

-Estamos intentando negociar un pacto de goberno co PSdeG; se non chegamos a acordo, non descarto gobernar en minoría.

-O feito de ser a primeira forza política sitúao en mellor posición á hora de negociar. Esixe algo que non pediu hai catro anos?

-A situación é completamente diferente. Hai catro anos fixemos un pacto de goberno para quitar ao PP da alcaldía. Contabamos con dous concelleiros e o PSdeG con tres. Pediamos dous anos de alcaldía, porque mereciamos estar no goberno polo traballo feito na oposición anteriormente e porque criamos que podiamos cambiar moitas cousas, e así foi. Agora contamos cun maior respaldo da veciñanza e queremos seguir facendo cousas por Toques, polo que esiximos os catro anos da alcaldía.

-Cales son as prioridades?

-As primeiras medidas a tomar van ser reforzar os servizos sociais para dar máis cobertura aos veciños e veciñas, intentar frear o despoboamento mediante unha ordenanza municipal que prime a natalidade, a residencia no concello e a adquisición e mellora de vivenda, e modificar o PXOM para poder dotar ao Concello dun pequeno solo industrial, proxecto no que xa se empezou a traballar, coa finalidade de poder captar certo número de empresas que poidan proporcionar máis emprego e iso axude a fixar poboación. Tamén queremos poñer

en funcionamento unha casa da terceira idade e seguir mellorando os núcleos rurais e os accesos.