Manuel Adán, alcalde de Santiso (BNG): «Foi máis o efecto das persoas e das políticas que das siglas»

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

NOGUEROL

O rexedor cre que acadou a maioría absoluta pola acción visible de goberno e por democratizar a xestión municipal

04 jun 2019 . Actualizado a las 09:48 h.

Os electores de Santiso reelixiron como alcalde do concello a Manuel Adán, que ocupa o cargo dende hai seis anos. Á diferenza dos comicios correspondentes aos dous últimos mandatos, as municipais do 26 de maio déronlle ao cabeza de lista do BNG o respaldo suficiente para gobernar sen depender dos socialistas. Acadou unha maioría absoluta de seis edís, fronte aos 2 obtidos polo PP e unha acta do PSdeG.

-Durante a campaña, os ecos que chegaban de Santiso anunciaban que ía gañar vostede de rúa. Tiña esa certeza?

-Pensaba que si iamos ter a maioría absoluta. No sabía de canto, si 5, 6 ou, incluso, 7, pero si.

-E dentro desa pinza entre a que bascula a absoluta en Santiso, agardaban máis o menos actas que as seis obtidas?

-Estivemos moi pretiño do sétimo concelleiro, entón é bo resultado

-Con que credenciais presentáronse ante o electorado?

-Ademais do que se ve, o que percibe todo o mundo no concello en canto a infraestruturas, obras e servizos sociais, onde creo que a mellora é evidente, está o intanxible, o trato coa xente. Penso que aquí se goberna para todos, sen distincións, que é o normal, pero non sempre ocorreu, entonces, creo que iso é unha credencial moi importante porque estoume dando moito de conta de que había medo a que entraran outros e non tiveran a maneira que temos nós de actuar.

-As siglas, neste caso do BNG, non tiveron un efecto matemático? E dicir, non sumaron, nin restaron?

-Son consciente de que as nosas siglas non suman. Suman outras. Foi máis o efecto das persoas, das políticas, do traballo que das siglas.

-O feito de non ter que depender xa do PSdeG para gobernar, vai supoñer un xiro ou botar a andar prioridades que, por diferenzas de criterio cos socialistas, quedaron aparcadas nos dous últimos mandatos?

-Non. Non me queixo da relación, da fluidez que tivemos co PSdeG. Non quedou nada especialmente ao marxe porque houbese controversias ou problemas con eles. Hai que afondar en máis cousas, pero a liña é na que estamos.

-En que hai que afondar?

-Hai cuestións que son estratéxicas, pero que non dependen moito de nós, como por exemplo o polígono industrial, unha cuestión nova para nós que teriamos que mirar de conseguir. Logo en materias como os servizos sociais ou as infraestruturas da nosa competencia, é onde se irá afondando, e por aí avanzaremos.

-Deulle vostede ao BNG unha das poucas alcaldías que ten a formación na comunidade. É algo que se reivindique á hora de buscar apoios en administracións superiores nas que o partido ten responsabilidades de goberno; na Deputación coruñesa, neste caso?

-A Deputación, con bo criterio, penso, promoveu unha distribución de fondos moi obxectiva, moi equitativa, entonces aí pouco xoga ao noso favor o feito de que esteamos nesa administración. É na Xunta onde poderiamos conseguilo, pero non está gobernada polo Bloque.