Ricardo Cid: «Un personaxe sempre se viste desde a realidade, froito das vivencias»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O gañador do XIII Premio de Ralato Curto Alumni USC desconecta coa escritura «cando xa estou farto de escoitar as miserias do día a día»

04 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC celebra mañá mércores o acto de entrega do Premio de Relato Curto que, na súa décimo terceira edición, recaeu en Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974), veterinario, polo seu relato O Isco. O texto conta a relación dun pai e un fillo que saen xuntos a pescar, ata que un día en que o pai vai só este aparece afogado no río. Dotado con 500 euros que achega o Hospital HM La Rosaleda, a sesión celebrarase ás 19.30 horas en Afundación (Rúa do Vilar, 19). Entrada libre.

-Contaba gañar o premio?

-En realidade un cando escribe e participa nun concurso literario sempre aspira a gañar. De aí a dicir que contabas gañalo... Somos moitos os que escribimos e unhas veces sae e outras non, pero o que queda sempre é o texto.

-Por que esta historia?

-Tampouco sei moi ben como xorden as historias. Algo que che contan un día prende a chama, vas engadindo ingredientes e, ao final, atopas que tes algo que contar. Sempre que podo intento poñer en valor aquilo que a min me gusta, como neste caso, e por desgraza, a malparada Lagoa de Antela, o río e a contorna da agora parcelada comarca da Limia. E, polo baixo, tento compartir as miñas sensacións acerca dalgúns comportamentos humanos.

-O desenlace dun relato debe ser impactante?

-Para min si. Eu sempre tento que sexa así, malia que non sempre se consegue como un quixera. De todas formas hai autores que escriben relatos xeniais e o final queda aberto coma a vida mesma.

-Cando escribe?

-Eu escribo sempre na miña casa, no meu estudio e nun ordenador. Moi frecuentemente de noite, pero non é imprescindible. Tomo notas no móbil cando ando por fóra, e teño lapis e papel enriba da mesiña de noite, cando estou lendo ou cando vexo unha película.

-Como se viste un personaxe?

-Sempre dende a realidade. Froito da observación, das vivencias... Primeiro faste unha idea xeral de como queres que sexa, e despois valo dotando de pensamentos, ideas, comportamentos... Moitas veces imaxinas como actuaría determinada persoa fronte a unha ou outra situación, e acábache dando o perfil que buscabas. Noutras ocasións son os propios personaxes os que van crecendo e desenvolvéndose conforme avanza a historia.

-É dixital ou analóxico?

-De todo un pouco, pero agora mesmo creo que impera o dixital, aínda que non en todo.

-Como ve as novas tecnoloxías?

-O único aspecto negativo que lles vexo hoxe en día é o abuso. Destrúen formas de creatividade pero xeran outras novas, polo que penso que no futuro nin tan sequera serán obxecto de debate.

-Que supón para vostede a creación literaria?

-Escribo para me entreter, e porque cando xa estou farto de escoitar as miserias do día a día é o xeito que teño de desconectar.

-E a literatura?

-Unha forma de expresar, de comunicar, e, como dicía Sabina, o xeito de «vivir outras vidas e probar outros nomes, que nunca serei».

-Os animais son fonte de inspiración?

-Como non! Perfectamente. Malia que, como non podía ser doutro xeito, sempre vinculados aos comportamentos humanos, que son os que ao final acaban por impoñerse. Unha historia só con animais, sen un pensar humano, non sería doada de contar.

-Os sentimentos de hoxe son máis vulgares ou efémeros?

-Penso que son os mesmos, pero sen tapadeiras. A xente de hoxe en día gozamos de máis liberdade e ninguén estamos por aguantar a ninguén se realmente non o queremos así.

-Como definiría Ourense en sentido literario?

-Ourense é para min o escenario preferente dos meus personaxes. O que mellor coñezo. Non só a cidade, tamén a provincia. Galicia en xeral. Cun rural marabilloso, abondosos mitos e lendas e «realismo máxico» por todos os recunchos, fonte de inspiración. E como queira que Ourense é unha terra cunha enorme cantidade de referentes literarios, que mellor lugar onde ter nacido, para poñer en práctica a arte da escrita, baixo a influencia de tanto personaxe ilustre.