José Antonio Ucha, alcaldable de Santa Comba: «Estamos en política para servir ao pobo, non para ter un sillón»

emilio forján SANTA COMBA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O socialista apela á «xenerosidade» para facilitar o «mandato de cambio» en Santa Comba ante un PP sen maioría

01 jun 2019 . Actualizado a las 10:26 h.

Por cuarta lexislatura consecutiva, o Partido Popular de Santa Comba non acadou a maioría absoluta nas eleccións locais que desde o ano 2007 lle obrigan a buscar socios para gobernar coas forzas da dereita. En dúas ocasións fíxoo a través de mocións de censura para apartar da alcaldía ao socialista José Antonio Ucha Velo. O pasado domingo, o PP quedou a só cinco votos do sétimo concelleiro que lle outorgaría a maioría, pero desta volta non conta cun terceiro actor dende a dereita. O PSOE, con cinco edís e liderado de novo por Ucha, e Compromiso por Galicia con dous, teñen na súa man a opción de darlle a Santa Comba un goberno de maioría despois de 28 anos de supremacía da dereita.

-Como cualificaría a recente campaña electoral?

-Foi a campaña máis porca que vin nunca, con descualificacións ás persoas, non aos programas e aos proxectos, e concretamente sobre a miña persoa cunha presión brutal, nunha campaña de medios desmedida por parte do Partido Popular e onde concentraron toda a dereita despois de desfacer Terra Galega, quen eran do propio Partido Popular.

-Pero vostede sempre dixo que todo era posible.

-Ata o final o partido estivo aberto. Penso que iamos por diante ata os últimos días de campaña, en que o PP mobilizou ese aparato forte de partido que teñen e mesmo a propia presión nas urnas, e aí, se gañan un ou dous concelleiros. Creo que iso foi determinante.

-Agora atópanse na situación inversa que no 2015 co PP?

-Si, practicamente a mesma diferenza que lle quitamos a eles, que agora tiveron catro anos para avalar en votos a súa xestión, e nós non. Se alguén ten que facer exame de conciencia son eles. Non competían con ninguén, pois a dereita está unificada, e a esquerda está partida en tres con PSOE, Compromiso e Bloque.

-Sostén vostede que o mandato do pobo está claro.

-A cidadanía dixo maioritariamente que non quere un goberno do PP e por iso non lle deu a maioría. Que estiveron cerca, o que queirades, pero está clara a vontade dun pobo e é unha obriga seguila.

-É posible un acordo con Compromiso con Galicia?

-Pola nosa parte si, con xenerosidade. Nós non estamos en política para sentar en ningún sillón, senón para servir ao pobo, e iso é o que lle imos dar, facilitando un cambio para un goberno de progreso, e sempre que haxa vontade de cambio por parte da outra forza política, porque en conxunto representamos a máis de tres mil veciños.

-Esa xenerosidade da que fala tamén inclúe a alcaldía?

-Non vai ser obstáculo. A alternativa á dereita é unha maioría sólida para non furtarlle a vontade ao pobo. Nós non aceptaremos un goberno en minoría se outra forza política nos vota e non hai pacto.

-Entón ao PSOE dálle igual ter ou non a alcaldía?

-A vocación de servizo non é que só serves ao pobo cando estás sentado nunha cadeira. Eu estiven na oposición, estiven no goberno e sempre estiven aí, e non por unha cadeira.

-E cre que Compromiso por Galicia ten vontade de cambio?

-Iso é o que dicían nos mitins. Ata onde eu sei, os votantes é o que votaban porque non queren continuidade. E os seus dirixentes entendo que tampouco. O resto será cuestión de sentar e acordar o que acordemos. Eles teñen a posibilidade de continuar con máis do mesmo, ou un fin de ciclo. E nós, o que nos dixo o pobo, facilitar iso. E facilitar é dar todas as posibilidades habidas e por haber.

-Pero haberá unha negociación entre partidos na que podería entrar tamén o caso da Baña.

-Pois sería o lóxico. O caso é similar, coa salvidade de que nós triplicamos a Compromiso, e na Baña duplícano. Non sería nada escabelado e o resultado debería ser similar porque está claro que a xente quere un fin de ciclo.

«A cidadanía dixo maioritariamente que non quere un goberno do PP, non lle deu a maioría»