Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón: «Usaremos a maioría para intensificar a acción de goberno»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

Victor Cameselle

O rexedor declárase satisfeito coa oportunidade que lle deron as urnas de poder gobernar con estabilidade

29 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A lista do Partido Popular de Antonio Fernández Angueira (A Ponte, 1975) logrou o domingo a súa primeira maioría absoluta en Padrón.

-Satisfeito co resultado?

-Satisfeito pola oportunidade de poder comezar a gobernar con estabilidade desde o minuto un e cun goberno cohesionado. Esta maioría que nos deu o pobo de Padrón é un voto de confianza para sacar adiante o programa electoral, e agora temos a forza suficiente para facelo. Somos conscientes de que esta oportunidade comporta unha gran responsabilidade. Se o facemos ben os méritos serán nosos, e se o facemos mal xa non haberá desculpas.

-A maioría foi axustada, xa que o PP non deu sumado os votos de hai catro anos deste partido e do PGD. A que o atribúe?

-Xa sabiamos que o resultado non ía ser tan simple como a suma dos votos de PP e PGD. Nestas eleccións influíron moitas variables, algunhas internas e corrixibles e outras externas e que non tiñamos capacidade de cambiar, pero tendo en conta que o vento da política xeral non sopraba ao noso favor temos que estar razoablemente satisfeitos.

-Obtivo por primeira vez a maioría absoluta. Cre que lle beneficiou a redución de candidaturas?

-Foi un dos factores externos que posiblemente nos beneficiou, pero no que non tivemos nada que ver. Posiblemente se debeu a que eses partidos percibían que o PP unificado chegaba ás eleccións con máis forza ca nunca.

-É consciente de que, pese á maioría que logrou o seu partido, en Padrón hai certo descontento?

-Durante a campaña explicamos que o noso lema, «Máis e mellor», incluía certa dose de autocrítica e inconformismo porque eramos conscientes de que podiamos facer moitas cousas mellor. Padrón concedeunos esta oportunidade de traballar con estabilidade e imos facer todo o posible para non defraudar.

-É a lexislatura dos resultados?

-Sen dúbida. Queremos usar a maioría para imprimirlle maior velocidade e intensidade á acción de goberno. Dialogaremos coa oposición e tentaremos chegar a acordos en temas puntuais, pero tamén actuaremos con determinación cando consideremos que o noso criterio é o mellor para Padrón.

-Que é o máis urxente?

-Xestionar reunións con diferentes departamentos do Goberno central e da Xunta de Galicia para que os orzamentos do 2020 recollan partidas específicas para algunhas actuacións que demandamos. Ademais, temos que comezar a traballar con maior intensidade na preparación do Xacobeo 2021, que é unha oportunidade única para reforzar o turismo.

-Que obxectivos se marca a catro anos?

-Seguir favorecendo o descenso do paro, a humanización da travesía da estrada N-550 desde A Ponte ata o centro da vila, un plan de mellora dos servizos básicos no rural, a reforma da praza de abastos e a potenciación do mercado dominical, unha nova oficina de turismo e continuar a traballar polo proxecto da residencia de maiores, entre outros.